Feijóo visita a empresa de compoñentes aeronáuticos COASA, no Polígono de San Cibrao

O presidente destacou o binomio emprego-formación como “factor clave” para afrontar os retos da industria 4.0

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe, 12 de xaneiro, a empresa de copoñentes aeronáuticos Coasa, no Polígono de San Cibrao das Viñas, onde destacou o binomio emprego-formación como factor clave para afrontar os retos da Industria 4.0.

Feijóo afirmou que na formación está a fórmula para que as empresas poidan preparar os seus traballadores no manexo de novas ferramentas dixitais; para que a introdución de novas tecnoloxías non supoña unha fenda xeracional e favoreza a reciclaxe; e para que a demanda de perfís profesionais que vai marcando o tecido empresarial teña a súa correspondencia desde o ámbito académico.

Con este fin, Alberto Núñez Feijóo lembrou que o pasado mes de decembro o Goberno galego “aprobou unha nova convocatoria dun programa pioneiro para crear unidades formativas nas empresas”. Unha iniciativa que, dotada con 6,5 millóns de euros, “permitirá mellorar a cualificación de 2.100 persoas desempregadas ou ocupadas, que poderán participar nos diversos cursos de formación especializada que se ofertarán en máis de 500 empresas galegas”. Precisamente Coasa foi unha desas empresas onde se impartiu o pasado ano unha destas unidades formativas na que participaron 12 persoas, das que 7 foron contratadas.

Así mesmo, salientou que a Xunta financiará “o 100% da formación” que as empresas deseñen e impartan segundo as súas necesidades, co compromiso de que se contrate, como mínimo, o 40% do alumnado que participe nestes cursos cando se trate de persoas desempregadas. “E, se eses contratos son indefinidos, axudaremos ás empresas con incentivos de entre 7.000 e 16.000 euros”, abundou.

Como principal vantaxe destas unidades, o responsable do Executivo autonómico subliñou que serán “as propias empresas” as que planifiquen o contido dos cursos que ofrezan, en función dos perfís laborais que precisan cubrir, ou segundo as necesidades que lle vaian xurdindo á hora de formar o seu persoal no manexo de equipamentos máis tecnolóxicos.

Logo de valorar os últimos datos do paro, “que sitúan Galicia como a cuarta comunidade na que máis baixou o desemprego en 2017”, cunha baixada do 10,15%, dixo, e cunha suba en afiliacións de 21.713, Feijóo aseverou que o Goberno galego “seguirá apostando polo sector aeronáutico”, a través do centro de Rozas en Lugo e da formación: co Grao de Enxeñaría Aeroespacial que se imparte na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e co Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico que oferta o CIFP As Mercedes de Lugo.

Feijóo concluíu así referíndose a Coasa como “un exemplo” de todo canto está a evolucionar a industria galega: polo sector ao que pertence, xa que a aeronáutica en Galicia “estase a posicionar como unha industria de referencia; polo alto compoñente de innovación que alberga e que fai posible a mellora continua nos seus procesos de fabricación; e polo seu compromiso coa formación”.

Por último, o presidente da Xunta recordou que as novas obras de acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas, cun investimento de 21 millóns de euros, “xa non teñen marcha atrás” e permitirán facer máis competitivo este polígono e as empresas que acolle.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies