En portadaÚltima hora

Feijóo: “Xa demos a instrución de que cada xerencia sanitaria ten que tutelar as residencias de maiores”

O presidente da Xunta anunciaba esta medida tras a videoconferencia que mantiña con Pedro Sánchez e cos outros presidentes autonómicos neste domingo

Videoconferencia do presidente da Xunta con Moncloa e co resto de presidentes autonómicos.

 

Despois da videoconferencia dunhas catro horas que se celebraba na mañá deste domingo entre o presidente do goberno español e os presidentes das comunidades autónomas, o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez facía unha comparecencia pública na que comezaba incidindo en que “todos estamos unidos neste dificilísimo obxectivo e traballando para solucionar esta situación”.

Sobre a decisión do goberno español de ampliar outros 15 días o estado de alarma Feijóo indicaba que “todos os presidentes autonómicos respectamos esta decisión que, sen dúbida, ten unha gran trascedencia social, cidadá e económica”.

Deseguido, o presidente galego daba conta das principais cuestións que plantexaba no decurso da reunión. A primeira delas era a do material sanitario, “precisamos ese material para protexer aos profesionais, para garantir a asistencia sanitaria aos pacientes e para facer o test de recoñecemento maioritario a toda a poboación e así indicar a cada cidadán qué debe facer para parar o contaxio”.

En segundo lugar, Feijóo aseguraba que “necesitamos saber en cada comunidade autónoma como está a curva epidemiolóxica, de cara á avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización”. E asegurou que “ante a falta de resposta, a Administración autonómica encargou aos profesionais sanitarios e aos servizos centrais do Sergas estes datos, que permitan coñecer a semana ou as semanas de maior incidencia de contaxio, ocupación de UCI e ocupación hospitalaria”.

O presidente galego facía especial fincapé no relacionado coas residencias de maiores e de discapacitados, centros que teñen protocolos de actuación desde o venres 13 de marzo. E anunciaba que a Xunta xa deu instrución de que “cada xerencia sanitaria ten que tutelar as residencias de maiores e os centros de internamento de discapacitados na súa área territorial. E as autoridades sanitarias teñen que estar moi atentas aos brotes de infección que se produzan nas residencias e tutelar e monitorizar as instrucións que se van dar a través dos médicos de Atención Primaria ou dos especialistas en Medicina Preventiva”.

 

Outro dos momentos da videoconferencia.

Feijóo lembraba que na comunidade galega hai 20.000 maiores en residencias da terceira idade, 4.000 en residencias públicas e 17.000 en residencias concertadas, de inciativa social ou privadas. “Este é un foco fundamental, todos os presidente autonómicos, igual que o presidente do Goberno, coincidimos en que isto é a prioridade sanitaria máis importante dende o punto de vista da prevención”.

Nesta liña, o presidente da Xunta expuxo a necesidade de que se elabore un protocolo de coordinación válido para todo o Estado entre as autoridades sanitarias e as autoridades sociais.

Por último, e no tocante ao paquete de medidas económicas aprobadas polo Goberno o pasado martes, o titular do Executivo autonómico sinalou que a Xunta trasladará a súa valoración por escrito, dado que non era o principal obxectivo de hoxe. Non obstante, subliñou a necesidade de “coñecer a letra pequena” do desenvolvemento das mesmas e lembrou que Galicia xa adaptou fórmulas para axudar aos autónomos e ás pemes, por un valor de 270 millóns de euros, “e que continuaremos avanzando e anticipando desde mañá luns”, adiantou.

Despois desta videoconferencia, na que o presidente do Goberno de España comunicou a decisión de ampliar o estado de alarma 15 días máis, Feijóo manterá esta tarde unha reunión cos representantes dos principais partidos políticos galegos, para informarlles con detalle do contido da xuntanza con Pedro Sánchez.

 

O presidente da Xunta durante a súa comparecencia pública tras a videoconferencia.

 

Artigos relacionados

Back to top button