OurenseÚltima hora

Feira do Libro de Ourense

Mañá 4 de xuño presentarase o libro “Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976)”
Público na Feira do Libro de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.
Público na Feira do Libro de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

Dende hoxe e ata o domingo 7 de xuño, a Feira do Libro de Ourense marcará a actividade cultural da cidade na rúa do Paseo, coa participación de doce librerías e a presenza de 24 autores nas presentacións, firmas de libros, así como outras actividades programadas polos organizadores.

Entre as presentacións previsas para mañá 4 de xuño, ás 19:30h. terá lugar á do libro “Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976)”, por parte dos seus autores, Patricia Chachero e Afonso Monxardín, e máis do presidente da Xunta de Goberno da Fundación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes.

Tal como explican dende a editorial Galaxia, trátase dunha obra divulgativa ilustrada con máis de 400 documentos gráficos, en boa parte inéditos ou pouco coñecidos, que contextualizan a traxectoria vital de quen se ten dado en chamar “o patriarca das letras galegas”. As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, entre outras, ademais de achegas de particulares. Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que o amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre, Otero Pedrayo.

Artigos relacionados

Back to top button