EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Feira do Viño do Ribeiro Virtual”, en Ribadavia

O seu programa incluirá un brinde colectivo con viño do Ribeiro, catas comentadas por parte de adegas e coleiteiros da D.O. Ribeiro e moitas outras sorpresas que se irán develando ao longo desta semana, tal e como adianta a organización

Imaxe dunha edición anterior da Feira do Viño de Ribadavia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A emerxencia sanitaria do COVID-19 non fará posible a celebración, como cada ano, do que sería xa a 57ª Feira do Viño do Ribeiro na Alameda. Pero a organización deste evento non se dá por vencida e aposta por unha alternativa. Así, o Concello de Ribadavia, coa colaboración do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, prepara unha fin de semana virtual de actividades relacionadas coa promoción e a difusión do viño do Ribeiro do 1 ao 3 de maio.

Con esta actividade, que se chamará “Feira do viño do Ribeiro Virtual”, preténse empregar as redes sociais municipais coma punto de encontro das persoas que se darían cita na 57 edición da Feira do Viño do Ribeiro.

Con esta actividade, o Concello de Ribadavia pretende “non deixar pasar unhas datas que son as tradicionais de celebración da Feira do Viño do ribeiro para que, a través do cancelo #FVRVirtual, a cidadanía participe de xeito activo nas redes sociais celebrando o que sería unha edición virtual e dende a casa da Feira do Viño do Ribeiro. Dentro do programa desta celebración virtual haberá actividades coma un brindis colectivo con viño do Ribeiro, catas comentadas por parte de adegas e coleiteiros da D.O. Ribeiro e moitas outras sorpresas que se irán develando ao longo desta semana”, tal e como se adianta dende a administración local.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández sinalou que “a situación provocou que non poidamos celebrar a Feira do Viño do ribeiro nas datas que estaban previstas, polo tanto, ante esta situación consideramos que podería ser boa idea levar a cabo unha celebración virtual da Feira do Viño do Ribeiro, creando un evento a través das RRSS no que se den cita todos os elementos que habitualmente participan nesta Feira, como son, as adegas, os colleiteiros, as institucións e o público en xeral, de tal xeito que, ao longo desta fin de semana, todos estes colectivos participemos da celebración dunha Feira do viño diferente, como resultado da situación que nos está tocando vivir.”

César Fernández sinalou que “imos a pedir a todas as partes implicadas que nos acheguen recursos virtuais para ir publicando ao longo desta fin de semana baixo o cancelo #FVRVirtual, de tal xeito que poidamos encher as redes sociais de actividade relacionada coa promoción, exaltación e difusión do viño do Ribeiro e do potencial enoturístico e gastronómico da nosa comarca. Este ano, dadas as circunstancias cómpre tirar de enxeño e imaxinación para conseguir que, na fin de semana que tradicionmalmente se celebra a Feira do Viño do Ribeiro, o tema de conversa e interacción nas redes sociais sexa tamén o noso viño, a nosa historia e a nosa comarca.”

Artigos relacionados

Back to top button