CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Feira do Libro do Barco incluirá contacontos, obradoiros e unha exposición

Florencio Delgado Gurriarán será un dos protagonistas desta edición que se celebrará o 22 e 23 de abril

Todo está xa preparado para celebrar unha nova edición da Feira do Libro do Barco, que se desenvolverá na fin de semana do 22 e 23 de abril na praza Andrés de Prada en horario de 16:30 a 20:30h. o sábado e de 10:30 a 20:30h. o domingo.

Así o adiantaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación do evento literario que tiña lugar no mediodía do 17 de abril na Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán, asegurando que nesta ocasión participarán dúas librarías do Barco e unha da Rúa, ademais do Periódico O Sil, o Instituto de Estudos Valdeorreses, o Cine Club Groucho Marx, Vagalume e o Ateneo Republicano, esperando que se una tamén algunha floristería.

A feira, “aínda que é pequena está chea de actividades”, explica Margarida, facendo especial fincapé na exposición “FDG: Bebedeira de ensoños”. A figura do autor valdeorrés será un dos protagonistas desta edición, cunha mostra de materiais persoais e obra literaria na biblioteca da man de Ricardo Gurriarán, contando asemade coa presenza de Ángel Fernández que abre a súa colección privada de textos, artigos xornalísticos e cartas privadas. O sábado 22 ás 19:30 horas haberá unha visita guiada.

Outras das actividades programadas no marco da feira son o obradoiro de escritura creativa para novos escritores na biblioteca (sábado e domingo ás 11h.) e o concurso de microrrelatos para todos os públicos, así como a implicación da xente maior nos contacontos que se desenvolverán o sábado e o domingo ás 12h. na ludoteca. “Normalmente os contos transmitíanse de avós a netos, e nesta ocasión serán os maiores que colaboran con Cruz Vermella os que conten as historias aos máis pequenos”, explica a concelleira de Cultura, engadindo que este ano tamén haberá música. O domingo Florencio Delgado Gurriarán estará de novo presente na feira na música de O Son do Vento, grupo musical formado por Eduardo Gómez, Roberto Fernández e Suso Rodríguez que musicalizaron poemas do poeta nun concerto sesión vermú previsto para as 13:30h.

A última iniciativa posta en marcha este ano será o sorteo de lotes de libros, dvds e cds de autores da comarca, entre todos os asistentes que adquiran produtos no recinto feiral.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button