EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Feiras do libro e de artesanía, na praza da Mercé de Verín

Poderán visitarse ata a última hora do domingo 2 de abril e contarán con diversas actividades complementarias

 

O camiñar das mostras do libro no 2017 en Galicia principia en Verín. Así o destacaba a concelleira de Cultura deste municipio, Emilia Somoza, na apertura da primeira Feira do Libro de Verín enmarcada nas Festas do Lázaro, na tarde do 31 de marzo.  “É de xustiza e debería ser sempre así, que a Feira do Libro de Galicia escomece en Verín, e non porque o diga eu,  senón porque é o xeito máis lóxico de facelo dende un punto de vista histórico”, indicaba a edil, que de seguido explicaba a súa afirmación con datos: o “Manual de instrucións para dar a misa”, que se imprimía en Verín, é, matizaba, “o primeiro libro impreso en Galicia, máis alá da discusión de se houbo outro ou non en Santiago de Compostela no 1483, pero que en todo caso non se conserva”.

Tras este acto abríase de xeito oficial ao público esta feira do libro, cuxo pregón corría a cargo do escritor local Xosé Carlos Caneiro. Do 31 de marzo ao 2 de abril estará instalada na praza da Mercé e inclúe multitude de propostas: dende numerosas presentacións de libros, pasando por obradoiros ata actuacións musicais, contacontos e sinaturas de libros por parte de escritores. Ademais de stands de librarías, tamén conta cun espazo de seu no certame a Biblioteca Municipal de Verín.

Asemade a praza da Mercé, dentro da celebración do Lázaro 2017, acolle unha mostra de artesanía que conta con  17 postos, dos cales a metade son de artesáns de Verín e da súa comarca.  Poden atoparse obxectos elaborados en diferentes materiais como pedra, coiro e feltro ou gravados e talla con motivos típicos da zona, como o Cigarrón.

 

Fotos: Carlos G. Hervella (agás as do acto inaugural da Feira do Libro que son do Concello de Verín).

Máis información:

https://osil.info/verin-fai-da-feira-lazaro-un-escaparate-tecnoloxico-de-innovacion-e-crecemento-sector-primario/

https://osil.info/mostra-inedita-universo-creativo-de-barreira-en-verin/

Artigos relacionados

Back to top button