Felipe Castro retrata os recursos de Sober: terra, pedra, madeira, auga e viño

Ata finais de abril pode visitarse no Centro Sociocomunitario deste concello lucense a mostra fotográfica “Sober Vivo”, que en maio se instalará no Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte

Cartel da exposición fotográfica de Felipe Castro.

 

Un percorrido visual polos recursos naturais, patrimoniais e culturais do municipio lucense Sober. Dende paisaxes, etnografía e arquitectura ata ceos nocturnos. Felipe Castro López convida a descubrilos ou a redescubrilos doutro xeito a través da fotografía na mostra  “Sober Vivo. Os recursos de Sober en imaxes. Terra, pedra, madeira, auga e viño”, que poderá visitarse ata finais de abril no Centro Sociocomunitario desta vila.

A exposición reúne 22 fotografías en cor e branco e negro, con diversas temáticas e técnicas. Abríase ao público no marco das I Xornadas de Dinamización de Valorización do Rural que se desenvolvían do 16 ao 18 de marzo en Sober, promovidas polas comunidades de montes da zona. Comezaban o día 16 coa xornada didáctica “A infancia e o coidado do medio ambiente”, na que participaba o CEIP Vixe do Carme, con actividades como a plantación de 200 castiñeiros no monte de Doade.

O 17 de marzo inaugurábase a exposición de fotografía de Felipe Castro, seguida dunha serie de ponencias sobre os montes en man común, unha delas impartida polo propio fotógrafo, que é tamén axente facultativo medioambiental da Xunta: “Estratexias para a dinamización e desenvolvemento rural”. O programa concluía o 18 de marzo con visitas á Gandeiría Gundivós, cunha viaxe no tren turístico polos viñedos e cun percorrido por unha adega da D.O. Ribeira Sacra.

A partires de maio, a mostra “Sober Vivo” poderá verse no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, onde estará instalada ata primeiros de xuño.

 

Cartel das xornadas de dinamización nas que se inauguraba esta mostra fotográfica.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies