SanidadeÚltima hora

Félix Rubial: “O Barco está experimentando un gromo de Covid con carácter explosivo”

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco valora a situación neste municipio e lembra a importancia de respectar as medidas de seguridade fronte ao virus

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial.

 

Con respecto á situación que se vive no municipio do Barco de Valdeorras na última semana, na que se pasaba de 3 casos activos de Covid-19 aos 71 de hoxe, o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, asegura que se trata dun “gromo con carácter explosivo, temos 71 casos a día de hoxe o que reflicte a alta transmisión comunitaria que temos nestes momentos, fundamentalmente no grupo de persoas de menos de 35 anos”.

Rubial indica que “esta circunstancia lévanos a recordar, a recomendar e a incidir en que se manteñan as distancias, as mascarillas, as medidas de prudencia que deben rexer aínda nestes momentos porque o virus non desapareceu e, lonxe de facelo, aproveita calquera despiste para afectar á poboación vulnerable”.

Aínda así, o xerente da área ourensá destaca que “o impacto asistencial nestes momentos a nivel de hospitalización non amosa ningún caso positivo ingresado no Hospital Público de Valdeorras”.

Cribado masivo o mércores 14 de xullo, no Barco

Félix Rubial tamén fai mención “ao feito de que este mércores 14 faremos unha convocatoria para un cribado masivo no Barco con test de antíxenos no que citaremos a 2.000 persoas entre os 16 e os 35 anos de idade, que é o grupo onde se está a detectar de xeito maioritario os casos activos”.

980 casos activos na provincia

Marcado ascenso tamén nos actos activos de coronavirus na provincia de Ourense, que rexistra 980 positivos (datos ás 18h. do 11 de xullo). “A punto de chegar aos 1.000 casos activos novamente na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, estamos preocupados pola tendencia explosiva que segue o número de positivos, fundamentalmente, no eixo que configuran o concello de Ourense e Barbadás, que se comportan como unha única unidade epidemiolóxica, e nestes momentos tamén co concello do Barco, onde os 71 casos que teñen hoxe arroxan unha incidencia moi perigosa”, destaca o xerente da área sanitaria ourensá.

Ademais adianta, que está previsto un novo cribado de Covid en Ourense, no que se citará a “3.000 persoas máis para facer un novo cribado con test de antíxenos o vindeiro xoves no Pavillón Paco Paz”.

O 67% dos casos, en menores de 30 anos

Félix Rubial asegura que os casos activos “concéntranse fundalmentalmente no grupo de idade menor de 30 anos, que representa o 67% do total de casos, e para que o conxunto de casos en menores de 40 sexan superiores ao 80%. Isto deriva do feito de que a poboación de maior idade está protexida xa pola vacinación e temos que incidindo no feito de que o virus segue aí, non desapareceu e as persoas vulnerables, e que non están inmunizadas son as que están a sufrir os embates da enfermidade, se ben esta repercusión a nivel asistencial está sendo pequena. Hoxe volvemos a recuperar pacientes na UCI, temos unha nova persoa ingresada na UCI de Ourense despois de case 15 días sen casos activos, o que reflicte que aquelas persoas vulnerables seguen padecendo a enfermidade cunha importante repercusión na súa saúde”.

O xerente da área sanitaria fai novamente un “chamamento á prudencia, ao sentidiño, a recuperar os hábitos perdidos, desfrutar iso si das novas liberdades recuperadas, pero facelo con máscara e con distancia. Estas son as recomendacións que hai que trasladarlles á modidade, que xa deu exemplo claro da súa responsabilidade en vagas anteriores”.

Artigos relacionados

Back to top button