OurenseÚltima hora

Fernando Dacosta protagoniza a longametraxe “The Rebel” que se estreará o 24 de setembro en Ourense

A proxección será ás 20:30h. no cine Galicines do Centro Comercial Ponte Vella

O vindeiro luns 24 de setembro estrearase en Ourense a longametraxe The Rebel (O Rebelde), un drama musical, encadrado no xénero “concert movie”, popularizado nos anos setenta por películas de concertos como The Last Waltz (The Band) ou The Songs Remains The Same (Led Zeppelin).

Dirixida polo realizador ourensán Oscar Doviso e producida por Miguel Caride, a longametraxe (71′) é a versión cinematográfica da primeira ópera rock galega, estreada o día 12 de maio de 2016 no Auditorio Municipal de Ourense e creada por Iván e Miguel Caride. Na cinta “mistúranse, xunto coas imáxenes do espectáculo, que inclúe interpretacións teatrais, música en directo e danza, filmadas na súa estrea no auditorio ourensán,  dramatizacións cinematográficas rodadas no Mosteiro de Oseira (Ourense), no taller e casa do insigne escultor pontevedrés Xoan Piñeiro en Goiáns (Pontevedra) e na costa de Loiba (Lugo), así como animacións e visuais”, explica Miguel Caride.

As cancións, inicialmente interpretadas en inglés e inspiradas nos poemas de Pádraig Pearse, o líder do Alzamento de Pascua en Irlanda que tivo lugar en 1916, persoaxe sobre o que versa a obra intepretado polo actor ourensán Fernando Dacosta, están subtituladas en galego. Figuran tamén no reparto os actores ourensáns Ledicia Piñeiro, Javier Octavio de Toledo, Xosé Manuel Mao, Héctor Martínez, Marcos Vázquez, David Caride e o propio director Óscar Doviso, xunto coa actriz galega Mela Casal e os creadores da obra, Iván e Miguel Caride, os músicos de The Rebel Band e o grupo de danza irlandesa Irish Treble.

Na realización deste proxecto estiveron implicadas máis de coarenta persoas, na súa maioría de Ourense, e a estrea será ás 20:30h. no cine Galicines do Centro Comercial Ponte Vella, manténdose en carteleira os días 25, 26 e 27 de setembro.

 

Cartel da longametraxe “The Rebel”.

Artigos relacionados

Back to top button