CulturaCultura

A ferrolá María Díaz Serantes gaña o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de Ilustración

Xuntanza do XIV Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración.

A ilustradora coruñesa María Díaz Serantes (Ferrol, 1994) foi a gañadora do XIV premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado, reunido esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación, asegurou do traballo galardoado que as ilustracións “denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas, hai un gran artista con moita orixinalidade”. Asemade o xurado puxo de manifesto que “os personaxes teñen moita expresión e adáptanse moi ben ao público ao que vai dirixida a obra”.

Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o “inmenso traballo que hai detrás de todas elas e o seu alto nivel”.

Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición do escritor Antonio Yáñez Casal, titulado Do meu nome e outras trapalladas.

O xurado da XIV edición do Premio “Pura e Dora Vázquez” de Ilustración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button