ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Festa Coveira de Arcos (Vilamartín de Valdeorras): centos de horas de traballo detrás

Dende que acaba unha edición, os organizadores xa están pensando na seguinte

A Festa Coveira de Arcos é unha cita indispensable no calendario dos valdeorreses e cada vez máis de xente de fóra. Os asistentes desfrutan dunha velada chea de viño, gastronomía, festa e música, pero o que é certo e que detrás dun evento deste tipo, hai centos de horas de traballo detrás. Este festexo sempre se celebra a segunda fin de semana de xullo, e polo tanto, este ano celebrouse o sábado 13 de xullo.

Así, dende que acaba unha edición, os organizadores xa están pensando na seguinte, pero o groso chega máis ou menos unha semana antes, xa que hai que limpar e acondicionar as covas mais o recinto.

En canto á comida, hai uns pinchos comúns para todas as covas e despois, a maiores, cada unha fai os seus. Neste caso, como a maioría dos coveiros traballa, os pinchos preparáronse entre o día anterior, venres 12 de xullo, e o propio día da festa. A Cova do López é o punto de encontro, xa que o seu propietario, Carlos López, é a persoa encargada de ir polas cuncas, polo viño, polo pan, e polos pinchos comúns. Así, dende as 5 da tarde do día anterior non deixou de ir a diferentes puntos da comarca a polos diferentes materiais indispensables para que este acontecemento funcionara. Algúns destes materiais foron 1 300 litros de viño, máis de 50 empanadas, 50 kg de lacón ou diferentes embutidos, entre outros.

No caso desta cova, amigos e familiares colaboraron dende a tarde do día anterior para ter todo a punto. Unhas 10 persoas traballaron man a man para cortar o embutido, facer os diferentes pinchos ou botar unha man no que se necesitara.

 

Carlos López con algúns dos seus axudantes.

 

“A Cova do Bautista”, rexentada principalmente polo alcalde deste concello de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, e a súa familia, ofreceron rebujito ou auga de Valencia ademais do viño. Estas bebidas preparáronse en cestos na tarde do venres. Así, unhas catro persoas traballaron durante tres días nos preparativos máis importantes, os cales son o acondicionamento do lugar, xa que puxeron un DJ na praciña do lado e tiveron que facer obras para que fora posible; e os pinchos. “Fixemos máis de 1 000 pinchos a parte dos comúns: rabo, orella, roliños de primavera ou napolitanas caseiras son algún deles”, explicaba Enrique Álvarez.

 

Enrique Álvarez preparando a auga de Valencia.

 

Unha das referencias musicais desta festa é sen dúbida “A Cova do Juan”, a cal dende o seu inicio leva animando aos asistentes da man dun DJ. O seu propietario explicaba que comezou a facelo porque ao seu fillo gustáballe moito a música e pinchar e que por este motivo iniciou esta práctica que xa se convertiu en tradición. A falta de dúas horas para o comezo da festa, probaron os altofalantes, os cales non deixaron de inundar de música o pobo de Arcos ata o remate.

 

Posta a punto do equipo de música na “Cova do Juan”.

 

Eran as 17:30 horas da tarde cando na “Cova do Agustín” estaban rematando cos últimos preparativos. Mari, a súa filla, explicaba que no seu caso só eran dúas persoas para preparar todo o que tiña que ver coa comida e que levaban dende as 10 da mañá na cova traballando sen parar para que todo saíra o mellor posible.

Os coveiros non paraban de mirar ao ceo, xa que a ameaza de choiva e tormentas estaba presente, pero finalmente ás 6 da tarde parou totalmente de chover e o ambiente respirábase, xa por fin, con tranquilidade.

Ao mesmo tempo, comezaban a chegar as primeiras persoas preguntando por entradas, xa que se puxeron 100 en taquilla. Así, as 18:45 horas achegáronse á Cova do López os encargados dos postos da venda en taquilla e mais do reparto das cuncas conmemorativas para levalas á súa correspondente entrada, xa que hai dúas. A esa hora xa había unhas 20 persoas agardando pola súa.

 

Os primeiros asistentes en chegar ao posto de venda de entradas.

 

O último paso era sacar os pinchos para fora para o desfrute dos asistentes, aínda que se esperou a última hora, concretamente ás 19:15 horas, debido á ameaza de choiva. Sen embargo, finalmente o tempo respectou e Arcos encheuse de viño, música e gastronomía, pero sobre todo de bo ambiente para celebrar a sexta edición da súa Festa Coveira.

Texto e fotos: Alba Prada

Máis información e fotos en: https://osil.info/comeza-a-vi-festa-coveira-de-arcos-vilamartin/

https://osil.info/o-tempo-respecta-na-vi-festa-coveira-de-arcos-vilamartin-de-valdeorras/

https://osil.info/a-vi-festa-coveira-de-arcos-resulta-un-exito-e-esgota-as-entradas/

Artigos relacionados

Back to top button