CulturaCulturaÚltima hora

A Festa da Pita preséntase nos colexios ourensáns do Couto e de Seixalbo

Ademais dende o pasado 2 de febreiro conta cunha nova “escola amiga”, o CEIP de Prácticas

A cada un dos elementos, momentos e figuras do Entroido do barrio ourensán d’Eiroás achegábanse na mañá do 7 de febreiro os alumnos dos colexios ourensáns do Couto e Seixalbo. Lois Pardo, un dos membros da Asociación Amig@s da Pita, realizaba unha presentación en cada un destes centros sobre a “Festa da Pita”.

Por outra banda, o CEIP de Prácticas vén de converterse no 2 de febreiro, tras a visita dunha Pita d’Eiroás, no centro que se sume ás outras 7 Escolas Amigas da Pita (CEIP De Covadonga, CPR Divino Mestre, CEIP Manuel Sueiro, CEIP As Mercedes, CEIP Curros Enríquez, CEIP Manuel Luis Acuña e CEIP O Couto). A Pita, figura emblemática deste Entroido ourensán, recollía as olas pintadas polos alumnos e pasaba un rato con eles.

“Desde hai uns poucos anos, e como produto das múltiples visitas que tiñamos realizado aos centros escolares de Ourense, existe no contorno da festa a figura da Escola amiga da Pita, que non é outra que aquel centro de ensino ao que visitamos, coñecen o Entroido, coñecen a Festa da Pita e colaboran con nós na decoración das olas que van escachar no noso Domingo Oleiro”, explica Lois Pardo.

Nas dúas primeiras fotos desta galería, poden verse imaxes da presentación da Festa da Pita no colexio de Seixalbo, o resto son da nova “escola amiga da Pita”, o CEIP Prácticas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button