EconomíaEconomíaÚltima hora

Festa de exaltación do Pan de Cea, o 5 de xullo

Co obxectivo de repartir máis de 1.500 pezas, a festa comezará o sábado con diferentes actividades
Ricardo Losada, secretario da IXP Pan de Cea; José Luis Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea; José Manuel Baltar, presidente da Deputación; e Carlos Rodríguez, presidente da IXP Pan de Cea.
Ricardo Losada, secretario da IXP Pan de Cea; José Luis Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea; José Manuel Baltar, presidente da Deputación; e Carlos Rodríguez, presidente da IXP Pan de Cea.

O Campo da Saleta acollerá este domingo 5 de xullo a 24ª edición da festa de exaltación do Pan de Cea. A presentación tiña lugar na Deputación de Ourense e contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; do secretario da IXP, Ricardo Losada; do presidente do ente provincial, Manuel Baltar; e do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.

O día grande do Pan de Cea será o domingo, pero xa o sábado 4 de xullo terán lugar diferentes iniciativas, entre elas a celebración de varios showcookings na praza Maior de San Cristovo de Cea: un júnior, ás 17:30h. que ofrecerá cociña en vivo para os máis cativos; e outros dous a cargo da chef Enma Pinal, ás 19:15 e ás 20:30h.

Paralelamente, os visitantes tamén terán a oportunidade de participar nunha ruta gastronómica polos fornos antigos de Pan de Cea. O percorrido comezará ás 19h. e levará aos participantes polas instalacións dos fornos de Lodairo, da Parapeta, do Santo e do Abade. En cada un deles poderán degustar un viño (no do Parapeta haberá cervexa) e un pincho con produtos doados polos colaboradores. A xornada do sábado pecharase cun concerto de jazz de David Regueiro Swingtet, a partires das 22:30h. na praza Maior.

E xa o domingo, a XXIV festa de exaltación do Pan de Cea, comezará ás 10h. cos tradicionais pasarrúas a cargo de charangas. Ás 12:30h. terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta, seguida da lectura do pregón a cargo do profesor Avelino Muleiro García. A continuación, actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas.

Ao longo do día, veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea que comezará ás 14:30h. A previsión é que se poidan degustar durante o domingo arredor de 1.500 pezas de pan (2,50 euros/unidade).

Ademais, como novidade este ano, a organización da festa ofrece dous servizos de autobús, un dende Ourense e outro dende O Carballiño, o sábado pola tarde. O transporte desde Ourense saírá ás 17:30h. do Parque de San Lázaro, con paradas na gasolineira do Vinteun, na gasolineira de Cambeo, en Tamaiancos cruce Amoeiro, en Faramuntaos, en Viduedo, en Casas Novas e en Cea. O regreso será ás 22h. Dende O Carballiño, o autobús partirá ás 18h. da Praza Roxa. Parará en Seoane, San Facundo e Cea e voltará tamén a partires das 22h.

Artigos relacionados

Back to top button