EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Festa de sabores na II Ruta de Pinchos da Feira do Viño de Valdeorras

Uns 17 locais de hostalaría barquense ofrecían os días 13 e 14 de xullo outras tantas propostas gastronómicas

Viño nas copas, pero tamén nos pinchos. Como antesala gastronómica da celebración da Feira do Viño de Valdeorras 17 locais de hostalaría barquenses participaban na II Ruta dos Pinchos desta mostra. Este roteiro tiña lugar os días 13 e 14 de xullo e achegaba suxerentes e deliciosas propostas gastronómicas que tiñan entre os seus ingredientes o viño de godello e o de mencía. Cada pincho tiña o prezo de 1,70 euros.

Así no Il Piacere Gastrobar (rúa Constitución, 2) podía degustarse o rabo de touro ao mencía con laranxa confitada, na Taberna O Buraco (praza Maior, 3) o fricandó de porco ao viño tinto, na Panadería Santigoso (Santa Rita, 2) variedade de empanadas, na Cafetería Cristal (Penas Forcadas, 22) o lombo provenzal, no Café Principal (Abdón Blanco, 1) carrilleiras regadas en mencía con redución de verduras, no Agarimo (San Mauro, 3) xabaril estufado con castañas, no Bar A Cova (praza José Otero, 3) secreto de porco especiado á redución de mencía, no Café Bar San Roque (Florencio Delgado Gurriarán, 63) carrilleiras en salsa de viño tinto e no 13/14 (Malecón, 26) polo rustrido con champiñóns.

Este circuíto de pinchos completábase con outras oito propostas: a tosta matrimonio de escalibada ao godello (anchoa e bocarte) do Pazo do Castro, o pepito de porco con queixo de cabra e crema ao mencía do Vinum (Malecón, 21), o pan bao recheo de lacón asado ao mencía do Piquiño (Malecón, 12), os mexillóns en vinagreta de godello do Divino Paseo (Malecón, 23), as mini albóndegas de carne de tenreira do Fernando III (Conde Fenosa, 61), as carrilleiras ao mencía de Tapería al Natural (Pérez Lista, 7), co Pincho Galaica da Casa Galaica (Eulogio Fdez. 27) ou co de La Maltería (Andrés de Prada, 4).

Esta ruta ten sido organizada pola Asociación Empresarial de Valdeorras e O Barco CCA en colaboración co CRDO Valdeorras e o Concello do Barco.

Nesta galería de fotos poden verse imaxes dalgúns destes pinchos e tamén dos participantes nesta iniciativa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button