EntroidoGalerías de fotosÚltima hora

Festa do Cocido no CEIP Xosé Manuel Folla Respino

O colexio de Vilamartín celebraba o Entroido con xantar e desfile de comparsas

Nada mellor que un bo prato de cocido para entrar en calor e coller forzas para participar de forma activa nas actividades do Entroido. Por iso, no mediodía do venres 13 de febreiro o CEIP Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras, celebraba a III edición da Festa do Cocido.

O xantar, organizado co obxectivo de recadar cartos para poder subvencionar excursións ao longo do curso escolar, contou con numerosas persoas, veciños do pobo, familiares dos alumnos e tamén xente da residencia da terceira idade coa que o centro educativo mantén unha constante relación. De feito, dende a dirección do centro aseguran que o vindeiro xoves, terán actividades dirixidas aos maiores “para que os nenos e os anciáns se relacionen” explica a directora. Ela mesma dá as grazas a tódolos que fan posible a festa, dende o profesorado “pola súa implicación, traballo e ilusión con que o fan”, ata as familias e o Concello que tamén colaborou.

Tralo xantar, no que non faltaron os doces típicos do Entroido, continuaría a festa no colexio, con desfile de comparsas e baile. “Este ano o tema sobre o que xiraron os disfraces foi o mundo do circo e había todo tipo de animais, pallasos e domadores, bailaríns,…” explica a directora do colexio Ángeles Trincado.

Ademais do xantar, o desfile e os bailes no patio, o programa de Entroido no CEIP de Vilamartín de Valdeorras incluíu outro tipo de actividades como o concurso de máscaras no que se implica todo o centro así como as familias.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button