ConcellosSen categorizar

Festa do Peixe de Bande, do 13 ao 15 de xuño

A edición deste ano inclúe un campionato solidario de pesca o día 15
Acto de presentación da Festa do Peixe.
Acto de presentación da Festa do Peixe.

Na mañá do 11 de xuño era presentada no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, a 43ª edición da Festa do Peixe de Bande, que contou coa presenza do presidente provincial Manuel Baltar, do alcalde de Bande José Antonio Armada, do representante do club O Peixe José Emilio Rodríguez, e do organizador da proba ciclista de BTT David Sánchez.

A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, celebrarase en Bande a vindeira fin de semana, os días 13, 14 e 15 de xuño, e unha das novidades máis salientables desta edición é o campionato solidario de pesca “unha proba que ten como obxectivo axudar ás persoas máis necesitadas, e, nese senso, as capturas que os pescadores recollan no río o domingo, día 15, irán destinadas ao Banco de Alimentos de Ourense”, segundo confirmou José Emilio Rodríguez.

Tal como explicaron na presentación “a festa recoñece a aqueles pescadores que teñen demostrado o seu compromiso cos nosos ríos, a preservación das especies e o seu coidado”.

Outra das novidades desta edición é a celebración dunha proba BTT. Segundo explicou David Sánchez “xa son máis de 100 os participantes inscritos, que percorrerán dúas rutas (de 30 e 44 quilómetros) nun trazado que servirá para poñer en valor a nosa natureza e paisaxe”.

Ao longo da fin de semana, a festa contará asemade con mercados de artesanía, stands gastronómicos, exhibicións de patinaxe, concerto de acordeóns, a actuación dos Bolechas para os máis cativos, unha ruta cabalar, e o acto de entrega de premios para as diferentes competicións.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button