Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Festa dos Maios en Verín

A celebración tiña como escenario un ano máis o 1 de maio a praza da Alameda desta vila

Dende os anos oitenta a praza da Alameda de Verín vén acollendo cada 1º de maio a tradicional Festa dos Maios.  Nesta ocasión a exposición dos maios tradicionais e artísticos tiña lugar entre as once da mañá e as oito da tarde e dela formaban parte os presentados polo Colexio Privado Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; e pola Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, a Asociación de nais e pais de alumnos e alumnas do Conservatorio de Verín, o Centro de día de Verín Raiola e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín, da Asociación Verinense de Amigos da Música.

E dende as 11:00 horas da mañá estaban á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín (cada exemplar custaba 1 euro.) O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinarase ao financiamento de programas de asistencia social da Cruz Vermella na comarca de Verín.

Este ano, a Praza García Barbón acollía ademais a cuarta edición da Feira Solidaria de Verín coa participación dunhas  trece entidades sen ánimo de lucro, que ofrecían todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

A historia dos Maios en Verín

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gómez Pato a comezos da década dos cincuenta, tal e como lembran dende o Concello. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

Fotos: Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button