OurenseÚltima hora

A festa na rúa vai ser a clave do Entroido na cidade

As prazas vanse encher de música con charangas, Dj, orquestras e o Gran Desfile. Sen esquecer as festas de Seixalbo, Eiroás e Frei Canedo da Ponte
Alex Parada, Belén Iglesias, Alejandro Hermida e Jacobo Ovejero. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Ourense presentou hoxe, 5 de febreiro, a súa programación para o Entroido 2018 que será “unha festa na rúa e urbana”, dixo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación.

Así, contarán con 17 charangas que irán enchendo de música as rúas da cidade “parándose nas principais prazas”, dixo a edil, como a do Correxidor, As Mercedes, a Praza Maior ou a de San Martiño, entre horas. Os pases serán tres: ás 12:30, ás 20:00 e ás 23:30 horas, o xoves, venres, sábado e luns. Eses mesmos días a Praza do Correxidor tamén se vai converter no epicentro do Entroido ourensán con sesións de Dj. E o sábado, domingo e luns, haberá orquestra na Praza Maior “con aforo limitado”, explicou o técnico de cultura do Concello de Ourense, Alejandro Parada.

E o domingo, toda a cidade vaise paralizar para gozar do Gran Desfile con saída ás 17:00 horas dende As Lagoas. Posteriormente, ao remate do desfile, elixiranse o rei e a raíña do Entroido. E o mércores, Ourense chorará a marcha do Entroido no Enterro da Sardiña, cunha comitiva fúnebre que sairá dende a Praza Maior.

O rei do Entroido da pasada edición, Jacobo Ovejero, asegurou que entregaba “con pesar” a coroa pero “con orgullo” para quen lle toque recibila. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, resaltou do seu reinado que foi “o máis animado” e que levou o cargo “con excelencia”.

Tamén os barrios vanse encher de festexos, concretamente Seixalbo, con Paquita e Nicanor, que xa foron presentados; As Eiroás, coas súas pitas e a voda da pita e A Ponte, coa súa tradicional procesión de Frei Canedo.

En canto ao cartel, o gañador do deseño, Alejandro Hermida, dixo que quería plasmar “a esencia do Entroido e de Ourense” e por ese motivo puxo a Ponte Romana coas Burgas e, como eixo central, a sardiña conformando as letras “OU” de Ourense.

Cartel do Entroido 2018 de Ourense.

Máis información sobre o Entroido en Ourense e nos Barrios no especial de Entroido de Galicia do Xornal O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button