Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Festa tradicional de Reis e de Raíñas na Mezquita

Por vez primeira as mulleres se suman a esta celebración tradicional neste ano 2019

Tras catro intensos días de festa e de banquetes compartidos, a Festa dos Reis conclúe nesta xornada de 5 de xaneiro na Mezquita. Esta celebración, tradicionalmente masculina, tiña este ano unha importante novidade: a incorporación das mulleres que tiñan a súa propia festa, con cargos propios e cun local aparte para os xantares e ceas.

Así, o calendario festivo iniciábase na noite do 2 de xaneiro cos cantos de Reis polas casas, ao día seguinte facíase a recollida de aguinaldos (conxunta homes e mulleres) nun carro adornado para a ocasión e cunha comitiva (presidida polo Rei, Patxi, e polo Virrei, Pablo, así como pola Raíña Iria e pola Virraíña Begoña) na que non faltaban os Zamarreiros, unhas máscara propias desta festa de inverno.

 

Un dos momentos da recollida de aguinaldos o 3 de xaneiro./ Foto cedida.

A partir de aí, comezaban os banquetes que se prolongaban ata hoxe, nos que non faltaba a música e a animación con grupos como Tomalleoutra, Achicoria e Os Bertolini. Onte, 4 de xaneiro, foi o “día dos invitados”, no que se pode convidar á festa a persoas de fóra da Mezquita. Neste xantar os homes xuntaban a uns 70 comensais, cun menú que se mantén ano tras ano e que remataba cunha sobremesa de doce de sesos.

Ao mesmo tempo, as mulleres reunían ao longo da festa a uns trinta comensais (catro deles nenos), mentres que o “día das invitadas” chegaban a ser unhas 40 asistentes. Homes e mulleres celebraban os xantares e as ceas por separado, pero xuntábanse para unha parrandada pola tarde na Casa dos Reis masculina e tamén no baile pola noite.

Ademais neste ano cocíase pan artesán no forno comunal do pobo de xeito especial para a festa grazas a colaboración de cinco veciños de Mezquita: Ubalda e Ricarda (que preparaban o pan) e Pepe, Manolo e Tráfico (que se encargaban de rouxar o forno). Para alimentar o forno tamén se ían recoller previamente xestas.

A festa completarase esta tarde de 5 de xaneiro coa “Parranda”, na que Rei, Raíña, Virrei e Virraíña formarán parte dunha comitiva que percorrerá A Mezquita e na que se recuperará tamén a tradición de que veciños e veciñas saian vestidos con farrapos.

Fotos: cedidas e Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button