CulturaCulturaÚltima hora

O Festival das Artes de Riós homenaxea ao emprendedor Gerardo Fernández, “Gen”

Cinema, humor e gastronomía mesturaranse nesta décima edición que se celebrará nos días 13 e 14 de agosto
Andrea Pousa, Rubén Riós, Rosendo Fernández, Eva María Barrio e Bruxo Queiman. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Riós prepárase para celebrar a X edición do seu Festival de Artes escénicas de Riós “Abelardo Gabriel” onde se mesturará cinema, humor, gastronomía durante os días 13 e 14 de agosto. Segundo sinalou o director desta cita cultural, o actor Rubén Riós na presentación de hoxe, 3 de agosto, “son dez anos festivalizando o rural e faino coa edición máis especial porque o emprendemento vai estar valorado, non só cos premiados á Castaña de Cristal, senón tamén pola homenaxe a Gen”.

Por “Gen”, Rubén Riós refírese a Gerardo Fernández. Este emprendedor será homenaxeado, a título póstumo, co bautizo dun castiñeiro centenario da “Ruta do Talento” co seu nome polo seu compromiso e achega ao emprendemento galego creando unha marca, “ciclowood”, de ámbito internacional.

Asemade, este ano os actores homenaxeados coa Castaña de Cristal serán Bruxo Queiman e Andrea Pousa, “polo seu compromiso coa cultura atlántica”, dixo Riós. Os artistas deleitaron aos asistentes á presentación cunha actuación musical.O director reiterou que “o traballo deste Festival é facerlle crer ao rural galego, indiferentemente de que sexa un evento cultural ou doutras características, que podemos e que podemos desde Ourense”.

Pola súa banda, tanto Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, como a concelleira de Riós, Eva María Barrio, sinalaron que esta iniciativa pon en valor tanto o rural da provincia e animaron a todos os ourensáns a que acudan a Riós para gozar das artes.

Así o festival mesturará cinema, humor e gastronomía, dende o 13 de agosto ás 10:30 horas cando arrancará con actividades para os máis cativos e, a partir das 12:30 horas, comezará a “Ruta do Talento”, nun acto conducido polos homenaxeados coa Castaña de Cristal e no que actuarán rapaces participantes nas Xornadas Creativas dentro do proxecto “RuraliZarte” o cal pretende “transmitir aos rapaces de 12 a 17 anos que o rural é unha fonte de creatividade e emprendemento”, asegurou Rubén Riós.

Asemade, a gastronomía ocupará un espazo importante na programación deste Festival coa celebración de “Gastroñam”, o III Xantar das Artes Escénicas no que a castaña é a protagonista. Neste apartado, que inclúe unha sesión vermú amenizada con música en directo, os asistentes poderán degustar dun menú a base de produtos típicos galegos por un prezo de 15 euros.

Pola noite, a partir das 22.00 horas, será a quenda para a música coas actuacións de Emilio Rúa e Aneu, de Xoel G. E Alba Diz e do monólogo “15 anos” de Noelia Rodríguez participantes da edición “RuraliZarte 16”.

Ao día seguinte, as actividades xirarán entorno ao cinema coa presentación do trailer do documental “A memoria da raia” e do filme “Castelao. De chumbo a verba” no que estará o seu director, Miguel López, todo elo a partir das 19:00 horas no Centro Cultural de Riós. Ás 22:30 horas, as actividades trasladaranse á praza do concello de Riós, onde Fernando Fumaces e Rubén Riós ofrecerán un espectáculo de humor. Posteriormente, a música correrá a cargo de Aída Blanco, participante de Got Talent, e de “SES” e “Sonoro Maxín”. A xornada rematará cunha sesión Dj de Fonsi Fernández.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button