ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín baixa o pano trala proxección de máis de 60 obras de 21 países

A obra catalana “Buenos días Barcelona” faise co Premio á Mellor Curtametraxe do II FIC Vía XIV

Máis internacional, máis profesional e con máis calidade, a II edición do FIC Vía XIV de Verín baixa o pano tras dez días de actividades, máis de 60 pezas proxectadas e sorpresas en torno ao audiovisual, dende Verín para o mundo e dende o mundo para Verín. Porque iso foi precisamente o que se conseguía con esta iniciativa organizada pola Asociación Cultural Vía XIV, abrindo unha fiestra dende a que promocionar a vila do Támega.

O broche tiña lugar na noite do 9 de decembro coa gala de entrega de premios celebrada no Auditorio de Verín que comezaba coa proxección do vídeo promocional seguindo coa música en directo de David Rivada. Presentada polos actores Alberto Rolán e Machi Salgado, a cerimonia contou tamén coa actuación musical do dúo Dolce Vita e do grupo The Resaca Brothers.

Ao longo de máis dunha hora e media, houbo tempo para o humor da man dos presentadores, e por suposto para os agradecementos por parte dunha emocionada Emilia Somoza, concelleira de Cultura e coordinadora xeral do festival, e tamén para o recoñecemento e a satisfacción por parte do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, que comezou o seu discurso cun fragmento do filme “El club de los poetas muertos”, facendo seu o desexo de que “non perdamos a ilusión e de que ninguén nos impida realizar aquilo no que cremos e queremos levar a cabo”. Con todo, os protagonistas da noite eran os premiados e aí, tiña lugar un dos cambios no formato do festival con respecto á primeira edición, modificando os galardóns xunto coas seccións.

“Buenos días España”, curta dirixida por María Barceló, Irati Cano, Sara Pisos e Carlos Reyes foi galardoada co Premio á Mellor Curta do Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV e tamén recibiu unha mención do xurado a curta “Why is difficult to make films in Kurdistan”, filme turco de Ebru Avci.

Con respecto ás diferentes categorías, na de Entroido-Outra Mirada, a gañadora foi “Explosion ma baby”, dirixida por Pauline Curnier Jardin; na de Migración/ Fronteira-Horizontes, “Borders” de Damjan Kozole; na Galego/ Portuguesa-A Raia, “Flores” de Jorge Jácome; e na de Nova “La Voz Perdida” de Marcelo Martinessi.

O Premio do Público á Mellor Curtametraxe foi para “She’s Beyond Me” do xaponés Toru Takano, presente no acto quen asegurou estar encantado de ter presentado a súa obra en Verín esperando que haxa unha terceira edición na que poder estar presente. Tamén se entregaron os premios CREA á Mellor Curtametraxe para “Matria”, de Álvaro Gago; o Premio AGAG, para “Coelho Mau” de Carlos Conceição e “Vos Humores Artificais” de Gabriel Abrantes; e o Premio Númax para a proxección, que recaeu en “Borders” de Damjan Kozole e “O Becerro Pintado” de David Pantaleón.

Á hora de recoller as estatuíñas, só estaban os directores de dúas das obras premiadas (“Buenos días España” e “She’s Beyond Me”) pero moitos dos que non puderon asistir enviaron os seus vídeos agradecendo o premio e felicitando á organización polo festtival, compartido con todos os premiados o desexo de que teña continuidade no tempo.

A gala, á que asistían representantes políticos e sociais entre os que estaban o deseñador Roberto Verino, pechábase co agradecemento por parte do director do FIC, Carlos Montero “a todos os que fixeron posible este festival e moi especialmente á pequena lexión de voluntarios sen os cales non tería sido posible”.

O xurado desta edición estivo composto polo crítico de cinema Nicolás Azalbert; Juan Soto, cineasta colombiano; Lura Correa-Montoya, Master en Artes e Letras; Juán Osorio-Villegas, Master en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporanea da Universidade Pompeu Fabra (Francia); Maider Fernández, educadora, artista e realizadora e Nora Soa, xornalista, empresaria e directora do Festival Internacional de Cinema Independente de Ourense. Algunhas categorias tiveron xurados especiais como o premio CREA e AGAG, así como o premio outorgado polo público.

Artigos relacionados

Back to top button