EconomíaEconomíaÚltima hora

Filipe VI confirma a súa presenza no Comité de Honra de Termatalia 2017

A Feira Internacional de Turismo Termal celebrarase en Expourense entre o 20 e o 23 de setembro
A Súa Maxestade o Rei de España, Filipe VI.

A Súa Maxestade o Rei de España, Don Filipe VI, vai presidir o Comité de Honra de Termatalia 2017, que se celebrará en Ourense entre o 20 e o 23 de setembro. Dende a organización salientan que esta aceptación “avala a traxectoria da Feira Internacional de Turismo Terma, Saúde e Benestar e a posiciona como un proxecto de interese xeral para a sociedade ao promover a Cultura da Auga e o seu aproveitamento sostible, ao tempo que xera novas oportunidades de negocio para as empresas españolas e latinoamericanas”.

Con esta aceptación da Súa Maxestade O Rei a formar parte deste comité, a Casa Real “ratifica o seu apoio un ano máis a esta cita como xa fixo durante anos, como Príncipe de Asturias”, din. En 2015 foi a primeira edición que confirmou na súa condición de Rei de España e este ano repite, xa que xa é tradición que presida este evento sempre que se celebra en España.

Asemade do Rei, o Comité de Honra de Termatalia estará composto por diferentes institucións públicas nacionais e autonómicas relacionadas co sector do turismo e da saúde. Dende a organización informan que xa aceptaron para formar parte deste comité a ministra de Sanidade do Goberno de España, Dolors Montserrat, o presidente do Instituto de Calidade Turístic (ICTE), de Balnearios de España e vicepresidente de Spaincares, Miguel Mirones. Tamén confirmaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e varios conselleiros do seu Goberno (Economía, Emprego e Industria e Sanidade) o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva. Así como os representantes dos distintos patrocinadores deste proxecto: O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

En canto á edición deste ano, México será o país convidado, aínda que “agárdase a participación de varios estados e dunha importante delegación de profesionais do sector”, din dende a organización. Ao mesmo tempo tamén agardan delegacións de países como Arxentina, Costa Rica, Panamá ou Colombia, así como de diferentes países de Europa, especialmente integradas na European Spas Association (ESPA) e a European Historic Thermal Towns Asociation (EHTTA). Ademais, a celebración da feira en Ourense permitira aos visitantes coñecer a oferta de Turismo e Saúde e Benestar do destino Galicia-Norte de Portugal, que representa a maior concentración e augas mineiromedicinais de Europa.

Artigos relacionados

Back to top button