En portadaÚltima hora

Filmes ourensáns, entre os nominados nos Mestre Mateo

Entre eles está a longametraxe “Sicixia”, do valdeorrés Ignacio Vilar, con tres nominacións; e “Pelerinaxes” de Simone Saibene

 

Imaxe da pasada edición da gala dos Mestre Mateo./ Foto: A.R.

O Palexco da Coruña acollerá na noite do 4 de marzo a gala dos Premios Mestre Mateo, que acadará a súa décimoquinta edición. Nela cen nominados (catro por cada unha das vintecinco categorías) optarán a facerse cos prezados galardóns que concede a Academia Galega do Audiovisual (AGA).

Entres os traballos nominados hai, unha edición máis, presenza ourensá. É o caso da longametraxe “Sicixia” (de Vía Láctea Filmes), dirixida polo valdeorrés Ignacion Vilar, que é finalista en tres categorías: mellor interpretación masculina protagonista (Monti Castiñeiras) e interpretación feminina protagonista (Beatriz Serén), así como mellor montaxe (Fernando Alfonsín).

 

Imaxe dun fotograma de “Sicixia”, longametraxe dirixida por Ignacio Vilar.

 

Selo ourensán ten asemade “Pelerinaxes” (de Noveolas Producciones), dirixida polo italo-galego Simone Saibene. Este é un dos catro documentais que loitarán polo Mestre Mateo. Este filme recrea, case un século despois, o percorrido que no ano 1927 fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey dende a praza do Ferro de Ourense ata Santo André de Teixido. E faino da man de Luzía, unha investigadora que remata un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro no que Pedrayo relata esa viaxe e que se titula “Pelerinaxes”. Este filme intercala a viaxe da protagonista con entrevistas a diversas figuras do mundo cultural galego.

 

A actriz protagonista de “Pelerinaxes”, Carmen Méndez, co director do filme, Simone Saibene./ Foto cedida por Noveolas Producciones.

Asemade, no apartado de videoclips figuran “Cedeira” (de Guadi Galego), dirixido por Xacio Baño, vencellado familiarmente a Valdeorras; e “A cidade” (do rues Magín Blanco e Uxía Domínguez).

 

O director Xacio Baño.

A gala dos Mestre Mateo, que comezará a partires das dez da noite, xirará en torno á temática dos musicais na historia do cine. Será presentada pola actriz Iolanda Muíños e estará dirixida por Manolo Cortés.

Contará ademais coa participación das actrices da compañía A Panadaría e cunha banda de músicos en directo dirixida por Ramón Orencio, da que forman parte Felipe Castro, Adrián Solla e Paulo Silva. No decurso da gala entregaráselle ademais o premio de honra “Fernando Rey” á directora de arte Marta Villar.

O acto terá asemade unha vertente solidaria. Así, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, converterase na primeira gala destas características que contará cun intérprete de linguaxe de signos para que un grupo de persoas con dicapacidade auditiva poida seguir en directo o espectáculo dende o patio de butacas.

Asimesmo, seis persoas da Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga) colaborarán co persoal da AGA en labores de protocolo e organización da gala.

A Academia tamén colaborará dándolle visibilidade ao Proxecto Quimions, que promove a elaboración solidaria de fundas para disfrazar os sueros de oncoloxía pediátrica, mediante a difusión de fotos dos gañadores con estas fundas.

Artigos relacionados

Back to top button