CulturaCulturaÚltima hora

Fin de semana cultural en Parada de Sil

Mañá ás 18 horas, Don Gelati chegará á praza do Curtiñeiro co seu carriño de xeados

Espectáculo do Cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa en Parada de Sil.

 

Unha intensa actividade cultural vén desenvolvendo o Concello de Parada de Sil neste mes de agosto con tres actos nesta mesma fin de semana. Na tarde do venres Aída Colmenero facía as delicias co espectáculo de danza; na deste sábado o Cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa completaban o aforo permitido na Sala Multiusos do Concello; e mañá Don Gelati achegará maxia e circo nun carriño de xeados.

Nun brillante día de sol chega á praza da vila un vendedor de xeados, co seu carriño e con moitas ganas de sacarlles un sorriso á veciñanza. Mais o pobre Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carro, que terá que arranxar con enxeño e cunha chea de maxia antes de que os seus xeados se derretan. Dani García constrúe, empregando a súa habitual destreza e cun entrañable personaxe, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras, e onde a comunicación co público é constante e dinámica. Un espectáculo de maxia de rúa, sinxelo e directo, con grande mobilidade, sen necesidades técnicas externas e practicamente sen límites para a fantasía. Do Gelati e o seu  carriño de xeados, achegaranse mañá, domingo 8 de agosto ás 18 horas á praza do Curtiñeiro para divertir aos asistentes.

Trátase dun espectáculo para todos os públicos.

 

Artigos relacionados

Back to top button