DeportesÚltima hora

Fin de semana de atletismo en Ourense con dous campionatos: Absoluto e Máster

700 deportistas daranse cita na pista cuberta de Expourense os días 13 e 14 de xaneiro
A presentación foi no Salón de Plenos de Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

Ourense vai ser a sede, esta fin de semana, dos campionatos absoluto e máster de atletismo. O sábado 13 e o domingo 14 respectivamente. Así o anunciaron na mañá de hoxe, 10 de xaneiro, no Salón de Plenos do Concello de Ourense. A esta presentación acudiron o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o deputado provincial de Deportes; Bernardino González; a secretaria xeral para o Deprote, Marta Míguez; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; Eladio Gómez, do Club Aurum; o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González; o vicepresidente da Federación, Manuel Blanco; a atleta ourensá con máis de 100 medallas en diferentes eventos, Emilia Mesa; e o representante do Club Ourense Atletismo, José Álvarez.

En total, serán 700 os deportistas que se xuntarán na pista cuberta de Expourense. Segundo explicaron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o alcalde de Ourense, Jesús Váquez. Hornillos apuntou que esta é “a primeira vez que estes campionatos fanse fóra da provincia da Coruña”. O presidente da Federación Galega lembrou que entre os competidores haberá unha valdeorresa de excepción: Ledicia Gil “que ten o récord galego en pista cuberta”, dixo.

O sábado 13 celebrarase o XXXIII Campionato de Galicia Absoluto de Pista Cuberta, que arrancará ás 11:00 horas coas primeiras eliminatorias de 60 metros libres en categoría feminina e masculina, respectivamente. Ao mesmo tempo, sucederanse as finais de triplo salto , pértega masculino e altura feminino. A partires do mediodía disputaranse, tamén, as finais de 1.500 metros.

Xa pola tarde, será a quenda das finais de peso, altura e pértega feminino, lonxitude feminino, peso e altura masculino, así como as probas de velocidade: 60 metros vaia, 200, 400, 800 e 3.000 metros. Ademais da valdeorresa de récord, outros deportistas coas mellores marcas de Galicia asistirán a esta proba. Segundo nomeou Isidoro Hornillos, estarán Belén Tomil (peso), Ana Peleteiro (lonxitude), Solange Pereira (1.500 metros) ou José Palomares (triplo salto).

O domingo 14 vai ser o Campionato Galego Máster para atletas veteranos, que competirán nas diferentes distancias de velocidade, pértega, lonxitude, peso, altura e triplo salto.

Marta Míguez apuntou que dende que se abriu esta pisa, o pasado 16 de decembro, “non deixou de haber actividade cada fin de semana”. Míguez quixo ter unhas palabras de recoñecemento tanto para Expourense, “polo traballo ben feito” na organización destes eventos deportivos e tamén cos adestradores galegos, monitores e clubs “que cada día adestran á nosa materia prima máis prezada, que son os atletas”.

Pola súa banda, Bernardino González, salientou que para a Deputación é “unha satisfacción” que se poida celebrar estas dúas competicións en Ourense. Asegurou que a cidade das Burgas estase convertendo “na capital do atletismo de Galicia”. Neste senso tamén falou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que apuntou que citas como esta “están a pór a Ourense no punto máis alto do atletismo a nivel nacional”.

Gala no Barco

Isidoro Hornillos aproveitou a ocasión para anunciar que este venres, 12 de xaneiro, O Barco de Valdeorras vai acoller a gala anual que organiza a Federación Galega de Atletismo. “Cremos que O Barco é lugar perfecto para albergar esta cita xa que o atletismo nesa zona é moi potente e teñen instalacións moi axeitadas para a súa práctica”, dixo.

A gala vai ser no Teatro Lauro Olmo ás 19:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button