ConcellosÚltima hora

Fin de semana de festa en Rubiá

O barrio de Xeadre comeza hoxe as festas na honra a Santa Mariña, coa sardiñada popular prevista para mañá 18 de xullo
Procesión de Santa Mariña en Xeadre, Rubiá. /Foto: Carlos G. Hervella.
Procesión de Santa Mariña en Xeadre, Rubiá. /Foto: Carlos G. Hervella.

Cando con empeño e esforzo se consegue recuperar algunha tradición ou celebración característica dunha localidade, é importante mantela a toda costa. Por iso dende que os veciños do barrio de Xeadre, na localidade de Rubiá, recuperaban os festexos na honra a Santa Mariña, patrona do pobo, ano tras ano séguense celebrando. Con máis ou menos recursos, máis ou menos actividades, pero como unha cita xa ineludible. a terceira fin de semana do mes de xullo.

Así pois, hoxe venres 17 arrancan os actos con animación musical a cargo da dicomovida A Boa Festa pero non será ata mañá sábado 18, cando comecen oficialmente os actos, coa sardiñada popular á que cada ano a comisión convida aos veciños. Será en torno ás nove da noite cando comece a cea na que tampouco faltarán os doces e a bebida, tendo asegurada a festa rachada de novo a cargo da discomovida A Boa Festa que porá o broche musical á velada.

Ao son dos ritmos máis marchosos do panorama musical que a discoteca móbil achegará ata Rubiá, amencerá o día grande da festa na honra a Santa Mariña. O acto central da xornada será a procesión prevista para as 12h. coa imaxe da Virxe dende Xeadre ata a igrexa parroquial de Rubiá onde terá lugar a eucaristía na súa honra. A comitiva, encabezada polos sacerdotes e a imaxe, e seguida polos fieis, irá acompañada pola charanga Os Imparables que porá o son ao acto.

Xa pola tarde, haberá de novo baile na praza, a cargo da orquestra Trip Montecarlo que animará a festa en sesión de tarde longa, sen verbena, despedindo as festas de Santa Mariña en Xeadre ata o vindeiro ano.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button