ConcellosEconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Exitosa fin de semana de viño, na D.O. Monterrei

Un total de 16 adegas participaban na X Feira de Monterrei, que vén de celebrarse en Verín

A Alameda de Verín convertíase na fin de semana do 7 ao 9 de agosto nun referente vitinícola. Nela desenvolvíase a décima edición da Feira do Viño de Monterrei cunha participación histórica de adegas: un total de 16, dous tercios das amparadas pola denominación. Estas adegas eran Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer-Boo Rivero, Franco Basalo-Estela do Val, Gargalo, Ladairo, O Cabildo, Pazo das Tapias, Pazo de Valdeconde, Pazos del Rey, Quinta do Buble, Tabú-Stibadia, Terras do Cigarrón, Triay, Valderello e Via Arxéntea.

“Considero que só así, remando todos (produtores, adegueiros, consello e administación) na mesma dirección, seremos quen de debuxar un futuro próspero para o sector do viño de Monterrei e de favorecer o relevo xeracional neste ámbito de actividade”, sinalaba a presidenta da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez durante o acto inaugural que tiña lugar na tarde do día 7 de agosto. Agradecía tamén a participación dos adegueiros neste certame incidía na importancia de “eliminar diferenzas e sumar esforzos para facer deste foro unha verdadeira mostra representativa do sector do viño na comarca”.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacaba o valor do sector vitivinícola, a calidade dos viños de Monterrei e a necesidade de evitar interferencias políticas que entorpezan a súa comercialización. “Temos que conseguir que a riqueza xerada por este produto chegue á poboación”, sinalaba.

A mostra arrancaba na tarde do 7 de agosto coa lectura do pregón a cargo de Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España. Logo tiña lugar o acto inaugural, e tras unha visita das autoridades ás adegas participantes, procedíase á imposición de medallas aos novos confrades da Denominación de Orixe Monterrei, na igrexa de Mercé, presidida polo presidente da Xunta.

Ademais da degustación de viños no recinto feiral, a mostra incluía unha serie de actividades paralelas durante a fin de semana, entre elas unha ludoteca infantil e diversas actuacións musicais.

Dende a organización calificábase de “éxito rotundo” esta décima edición na que a mostra superaba “un ano máis todas as previsións cun incremento dun 41% no número de degustacións servidas”. Así a presidenta da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez, apuntaba que “todo isto ten sido posible grazas ao esforzo e traballo de todas as adegas participantes”. Ademais incidía en que “o gran número de visitantes confirma que esta feira tense convertido nun foro completamente consolidado e nunha verdadeira mostra representativa do sector do viño da comarca”. Nesta mesma liña se manifestaba o alcalde de Verín, para quen o notable incremento nas degustacións e o número de visitantes son un sinal evidente de que a Feira do Viño de Monterrei “ten dado un importante salto cualitativo”.

Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Back to top button