En portadaÚltima hora

Fin de semana para descubrir os secretos do ceo no VI Astro Trevinca

Na apertura destas xornadas, que se celebrarán do 4 ao 6 de outubro, o alcalde da Veiga criticaba que "as Illas Atlánticas manteñan o certificado Starlight porque non cumpren ningún dos parámetros"

Cunha observación astronómica dende o miradoiro estelar das Tablillas (A Veiga) poñíase en marcha na noite do 4 e outubro a sexta edición de “Astro Trevinca, Xornadas de astronomía no mellor ceo de Galicia”. O seu programa contén varias observacións nocturnas, pero tamén diurnas, ademais dunha serie de ponencias que se iniciaban a primeira hora da mañá do 5 de outubro no salón de actos do Toural da Veiga.

Na apertura do encontro o alcalde da Veiga, Juan Anta, reivindicaba un “turismo sostible  e de calidade” e convidaba aos participantes neste foro, chegados de fóra, a converterse en “embaixadores do ceo de Trevinca (que conta con certificado Starlight) porque esa é a única maneira de que defendamos ese turismo, de que poidamos vivir da nosa contorna e mantela intacta. Temos que defender e promocionar o ceo da Veiga como un dos mellores destinos do mundo”.

O rexedor amosábase moi crítico co feito de que as Illas Cíes sigan mantendo o certificado Starlight “non é de xustiza porque non cumpre ningún parámetro para ter ese selo a día de hoxe”. Explicaba tamén o proxecto do novo observatorio astronómico que se porá en marcha en breve neste municipio valdeorrés. “Queremos facer del un sitio para todos os público, temos que intentar que a astronomía sexa didáctica, divertida e que chegue a todo o mundo, facendo disto un referente do turismo sostible en Galicia”.

Deseguido, o coordinador das xornadas, Óscar Blanco, facía unha pequena introdución lembrando a orixe deste proxecto, que tiña a súa xénese anos atrás nunha “quedada”, pero que despois se convertiu nalgo máis formal “sen perder o que somos, un grupo de xente afeccionada á astronomía e aos que nos gusta compartir, desfrutar e ver o ceo. E con esa idea organizamos unha fin de semana longa con noites de observación, conferencias máis ou menos profesionais ou amateurs”.

A primeira das intervecións corría precisamente a cargo de Óscar Blanco quen compartía a súa experiencia astronómica en Chile na charla titulada “Un paseo polo ceo astral”.  Despois interviña Alberto Aparici coa ponencia “Medindo o universo en expansión. Descubrimentos, preguntas e polémicas” e Carmen Denébola Álvarez, que presentaba o “I Congreso estatal de astronomía en Galicia”.

A mañá completábase cunha observación solar e despois do xantar está previsto que interveña Mario S. García para falar sobre a “Calculadora de eclipses”, Pablo Martínez abordará a “Historia dunha carreira espacial” e logo proxectarse o filme “Saving de dark” (S. Murali, 2018). A xornada finalizará cunha nova observación nocturna.

Xa o domingo 6 de outubro farase, pola mañá, unha visita ao novo observatorio astronómico da Veiga e Trevinca.

Ademais durante esta fin de semana poderá desfrutarse en tres establecementos de hostalaría da Veiga de menús “G-Astronómicos. Astrotrevinca 2019”: nas Chairas, Bar Yáñez e Eido das Estrelas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button