ConcellosTrivesÚltima hora

Finaliza a construción da nova ponte de Queizás (Verín)

Unirá o Polígono de Pazos coa estrada N-532 e ten como principal obxectivo retirar o tráfico pesado do centro urbano de Verín, "reducindo así as emisións contaminantes", destacan dende o Concello

 

O Concello de Verín vén de rematar as obras de construción da nova ponte de Queizás. Esta primeira fase executada corresponde á finalización da estrutura completa do viaduto. “A segunda fase deste proxecto unirá a ponte co polígono de Pazos, dotando ao mesmo dun novo acceso e conectándoo coa estrada N-532. Así mesmo permitirá desconxestionar o tráfico da estrada N-525 influíndo isto de maneira positiva na circulación do núcleo de Verín e os seus arredores”, tal e como se informa dende o Concello.

Esta actuación, que ten como principal obxectivo retirar o tráfico pesado do centro, especialmente ós camións con destino ó polígono de Pazos (uns 600 vehículos diarios, aproximadamente), supón un investimento total de 1 millón de euros; dos cales 800.000 euros son achegados polo Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) e os 200.000 euros restantes corresponden a fondos propios municipais.

Segunda fase

Coa finalización das obras de construción desta ponte, o Concello de Verín dá luz verde á unha segunda fase do proxecto que, cun investimento de 600.000 euros, consistirá na realización das obras necesarias para culminar a unión deste viaduto co polígono de Pazos.

“Coa finalización desta segunda fase, completarase o novo viario perimetral que servirá de circunvalación complementaria á que se desdobra das autovías A-52 e A-75, de xeito que os camións non teñan que abordar o casco urbano e se reduzan así significativamente as emisións contaminantes”, sinala o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Fotos: Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button