EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Finaliza o “Entretendas” do Barco cunha cálida acollida entre os veciños

O pasarrúas deste venres, 21 de agosto, estivo a cargo do Grupo Troula, que interpretou a obra "O estraño caso do dentista da rúa Brasov"

 

As rúas do Barco acolleron a última xornada do “Entretendas”, unha iniciativa do Concello en colaboración co Centro Comercial Aberto que busca dinamizar o sector comercial mediante actividades para nenos e ofertas nos negocios adscritos. O espectáculo deste venres, 21 de agosto, estivo a cargo do Grupo Troula, que xa actuara o pasado 7 de agosto co pasarrúas “Benito e Rufina”. Esta ocasión, a obra interpretada foi “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, un espectáculo ambulante que contaba a historia dun dentista chamado Krakmhu Elah.

Ás 19:00h, un vistoso carromato autopropulsado saía do Teatro Lauro Olmo do Barco en dirección á Praza Andrés de Prada, onde realizou a primeira parada. O actor, natural de Vigo pero con raíces en Vilamartín de Valdeorras, presentaba a súa actuación cun esaxerado acento rumano e acompañado de música tradicional dos Cárpatos.

 

O carromato saíndo do Teatro Lauro Olmo.

 

Continuou a súa viaxe polo Paseo do Malecón en dirección á Praza José Otero, onde ofreceu un breve teatro de títeres. Os nenos e nenas puideron desfrutar do espectáculo, cumprindo sempre coas medidas de distanciamento social derivadas da pandemia do coronavirus. O carromato seguiu pola rúa Pérez Lista, onde empregou un efecto de pirotecnica para simular unha avaría no seu vehículo “de 300 anos”. O doutor pediu axuda aos presentes para remolcar a súa clínica ambulante durante uns metros, no seu camiño ata terceira parada, na Praza do Concello.

O dentista realizou o seu número final arredor das 20:15h no Paseo do Malecón, fronte ao Teatro Lauro Olmo e rematou a obra cun teatro de títeres e unha mensaxe moi positiva para os barquenses: “Móvanse polas súas paixóns e non polas súas obsesións”. O doutor Krakmhu Elah despediuse cun efecto pirotécnico de fume e un canón de confeti. A actividade tivo unha moi boa acollida entre os veciños, que saíron a desfrutar dunha tarde de “Entretendas” marcada por temperaturas moi agradables.

 

O teatro de títeres no Malecón.

 

As rúas que percorreu o particular vehículo estaban engalonadas con alfombras e globos de diferentes cores. O tramo final da avenida da Estación estaba decorado simulando racimos de uva de godello e mencía, empregando follas de cepa e globos de tons amarelos e violetas. Os barquenses non só tiveron a oportunidade de gozar do pasarrúas senón que os comercios ofrecían diversos descontos e ofertas. O Centro Comercial Aberto tamén sorteou dous vales de 25€ cada un que podían empregarse nos establecementos asociados. Aínda que o “Entretendas” finaliza hoxe, o concelleiro de Cultura e Turismo, Eladio Santos, afirmou na presentación do proxecto que buscarán outro tipo de iniciativas de dinamización comercial noutras zonas da vila.

 

 

Fotos e vídeos: Víctor Santos e Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button