Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O FITO cumpre 10 anos e o celebra cun programa de excepción

Compañías de Arxentina, Portugal, Cataluña, Castela, Estremadura e galegas copan a axenda desta cita do 5 ao 15 de outubro

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) quenta motores. Esta cita consolídase na capital por décimo ano consecutivo: “Un décimo festival para un festival dez”, así o cualificou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, na presentación de hoxe, 27 de setembro, na Sala Valente (Antigo Banco de España) en Ourense, que arrancou cunha “performance” teatral para ir abrindo boca. Do 5 até o 15 de outubro, “recibiremos na cidade unha magnífica selección de compañías”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

En concreto, este festival internacional trae a compañías de Arxentina, Portugal, Castela e León, Cataluña e Estremadura, “sen esquecer as compañías con ampla traxectoria do país”, asegurou a directora de Sarabela Teatro -entidade organizadora-, Sabela Gago, que remarcou que “todo isto non sería posible sen a axuda institucional”. Neste senso, o director do AGADIC, Jacobo Sutil, asegurou que dende a súa entidade axudan á FITO xa que é “un dos festivais escénicos máis importantes de Galicia”, algo que tamén reafirmou o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Como novidade deste ano, tamén “sacaremos espectáculos á rúa, porque queremos achegar o teatro á xente”, dixo Sabela Gago. Estes espectáculos serán de balde.

Así, as entradas terán un custo de 8 euros para os espectáculos tanto no Auditorio Municipal como no Teatro Principal de Ourense. Por outra banda, aqueles que se representen no Campus van ter un custo de 3 euros. A todo isto hai que engadir que os xubilados, desempregados e estudantes terán descontos especiais.

Máis información sobre os espectáculos na edición impresa deste mes (outubro) do Xornal O Sil.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button