EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Flexibilízanse os desprazamentos a hortas de autoconsumo

No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa. En ambos casos, deberán aportar unha declaración responsabl

Cultivos nunha horta./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Xunta de Galicia acordou flexibilizar os desprazamentos a hortas de autoconsumo, polo cal se “poderán realizar desprazamentos para o mantemento e atención das leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa”, segundo informa a adminstración autonómica.

Esta era unha das medidas que se tomaban durante sétima reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), celebrada na mañá deste sábado presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

En relación coa mobilidade dos traballadores ás hortas de autoconsumo, o Cecop determinou que as “persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados como tales, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, “poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa. En ambos casos, deberán aportar unha declaración responsable. Desta forma, elimínase a anterior limitación, que era de 500 metros. Así, a Consellería do Medio Rural aprobará unha modificación da orde para regular este aspecto”, tal e como indica a Xunta.

O Comité aprobou “permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas”. Para a tramitación das solicitudes e a obtención da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima.

Tamén en relación coa prevención dos incendios forestais, nesta xuntanza o Comité acordou levantar a suspensión do prazo legal para cumprir coa obriga de execución da xestión da biomasa nas franxas secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas). Así, engádense ao prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis alá do 31 de xullo de 2020 inclusive.

Por último, o Comité decidiu tamén aclarar como “funcións de carácter esencial” as desempeñadas polas entidades locais no marco dos convenios interadministrativos para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais, para garantir así a súa actividade durante a emerxencia sanitaria.

Recollida de comida en restaurantes

Outra das medidas acordadas no seo da Cecop foi clarificar o permiso para a recollida da comida preparada  en restaurantes. “Esta práctica está autorizada sempre que se cumpran os requisitos e protocolos establecido polas autoridades sanitarias, se recolla a comida na porta do establecemento para evitar aglomeracións e se respecte a distancia de seguridade para evitar posibles contaxios”, di a Xunta.

Obras no interior de edificios

Na xuntanza tamén se acordaban os criterios de interpretación que clarifican as posibilidades de actuación en obras en interior dos edificios ocupados. “Esta decisión adoptouse para atender a demanda dos sectores profesionais afectados –uns 20.000 autónomos en Galicia- pola orde ministerial do 12 de abril, que recolle a prohibición de realizar obras en edificios ocupados, agás obras puntuais de reparacións urxentes ou nas que se poida garantir que non se producen interferencias entre os usuarios e os residentes.

Así, seguindo os criterios de interpretación da Cecop, “poderán realizarse, sempre adoptando as medidas de prevención e protección da saúde establecidas, traballos e obras puntuais que teñan como obxectivo realizar reparacións urxentes de instalacións ou avarías, tanto en espazos ou elementos comúns do edificio, como nos elementos privativos do mesmo. Tamén se consideran reparacións urxentes as obras xa iniciadas que se viron afectadas pola paralización derivada das medidas do estado de alarma reforzado. É o caso da instalación, substitución ou reparación de ascensores, de obras para garantir a accesibilidade ou da reparación ou remodelación do interior de vivendas ocupadas na que o estado actual da intervención afecte de modo significativo ás condicións de habitabilidade”.

No caso das vivendas unifamiliares, poderán realizarse intervencións sempre que se garanta que a execución das obras, movemento de obreiros e transporte de materiais se realizan por espazos exteriores ou por espazos interiores que serán utilizados en exclusiva polos operarios, sen interferencia cos ocupantes das vivendas.

Artigos relacionados

Back to top button