CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Florencio Delgado Gurriarán e Castelao: o soño nacionalista

Artigo escrito por Emilio Vega Rodríguez

O poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

 

No primeiro cabodano da morte de Castelao, Florencio Delgado Gurriaran fai unha tradución dun hoxe famoso poema de Walt Whitman, “Ouh Capitán, Meu Capitán”, segundo dos catro poemas que Whitman escribe para lamentar o asasinato de A. Lincoln, guieiro e protomartir da nacente democracia americana. Whitman expresa a súa sensación e emoción ante os feitos, a defensa dos ideais democráticos, da igualdade social, do futuro colectivo como país, que o guiero non chegara a ver. En si a poesía ten unha menxase intemporal, democrática e patriótica.

Non pode ser máis claro o motivo e as equivalencias do texto de Whitman coa bela tradución que fai Florencio Delgado (figura en “Florencio Delgado Gurriarán”, Ricardo Gurriaran, Edicións do Castro, 1999, páx. 230. Na traducción de Florencio Delgado falta un verso do poema orixinal de W. Whitman, o número 12 : “por ti clama a multitude, a ti vólvense as faces depuradas”). O recoñecemento de Castelao como guieiro (“Ouh Capitan” , “pai dourado”) da nave (a Patria Galega) que chega a porto (“xa findou a nosa temerá viaxe”) e o pobo fica cheo de ledicia (“o pobo rebulda cheo de ledicia”). Mais a alegoría de Florencio Delgado, o obxectivo, non foi conseguido: o Capitán xace morto e a Patria non é liberada.

Pero o poema non ten desesperanza. Cabe a esperanza, a esperanza do pobo: “a multidume enche as praias por ti”; a morte do guieiro é un soño: “Un soño é somente que aló, na cuberta xaces frío e morto”.

Logo que “da témera viaxe volta o barco victorioso” é o comezo da nova realidade. O Guieiro segue a iluminar o camiño, o seu exemplo perdura no nacionalismo galego cara á liberación da Patria. Florencio Delgado capta dun xeito claro o carácter da elexía de Whitman: intemporalidade, democracia e patriotismo. Xa T.S. Eliot expresou que o fundamental da poesía é expresar emocións e sensacións do poeta ante os feitos, e así o expresa Florencio Delgado (“Escolma da poesía galega T IV”, páxina 237, Editorial Galaxia, 1955): “… a súa función peculiar é a de comunicar unha emoción; non transmitir un pensamento, sinón deixar na sensabilidade do leitor unha sorte de vibración que corresponda ó que sinte o poeta”. A vibración dun poeta nacionalista militante.

Florencio Delgado ten outro poema dedicado a Castelao, editado no seu libro “O soño do Guieiro” (páxina 5, Editorial do Castro, 1986). O poema data de 1975, escrito no exilio mexicano de Florencio Delgado. Entre os dous poemas existe un período de esmorecemento do nacionalismo e do Partido Galegista; de loitas contra a ditadura franquista; de enfrontamentos no seo do republicanismo do exilio e mesmo no seo do nacionalismo. A longa noite de pedra non fixo senón crear unha situación política que Florencio Delgado sinala como “…soño mais fermoso e mais lonxano e qué triste e noxenta realidade!”, unha ditadura que “é só dinamo, a espallar proletario e enerxía en sangueira letal…”, que xenera “divisas que arrequentan a Madride…”, que co idioma “…acastrapada e alparbarda…”.

Florencio Delgado fai unha dura e poética exposición da Patria, non só da Patria rural e labrega tan querida ao galeguismo do primeiro terzo do século XX, tamén a cidade, a industria, a emigración explotada, a Patria toda. A recén nacida democracia non deixa de ser un paradoxo, tal como o expresa no poema “Ditos do Povo Galego (“O sono do guieiro”, páx. 72). Florencio Delgado dótase dunha certa desilusión e retranca moi galega, expresada na cuarta parte do citado libro, “Pregos, poemiñas, descordos e poemoides”, todos posteriores ao ano 1972.

Florencio Delgado capta nos seus poemas a realidade política e social de Galiza. Nos seus poemas é sempre un poeta de combate pola Patria, sempre. Os poemas de Florencio Delgado, incluso os máis formalmente xeórxicos ou simbolistas, rezuman ese amor pola Patria; Florencio non humaniza a Terra diluíndo o poeta como individuo na paixase, ao estilo de Amado Carballo.

O poeta valdeorrés observa a Terra e obxetivízaa como colectividade: poeta/lingua/Terra/Patria, o poeta non é un intermediario que banaliza a paixase, pois todo forma parte da Patria Ideal que necesita ser amada/liberada. No marco deste idealismo patriótico, Florencio Delgado escribe poesía como unha arma de combate.

Este poema de 1975 dedicado a Castelao, que segue a ser “O Guieiro”, presenta unha continuidade co dedicado á morte de Castelao, forma parte do macrotexto de Florencio Delgado: Galiza Patria, Galiza abundante e igualitaria, Galiza libre federada e republicana (ver “Entrevista a Florencio Delgado Gurriarán realizada en la Ciudad de Guadalajara, por Dolores Pla, los días 23,24 y 25 de agosto de 1979”).

No poema, a desesperanza sinalada do “lonxe que estamos do teu soño” ese “ soño fermoso”, o soño desa Galiza autodeterminada e republicana é só un estado coxuntural de ánimo. Mais non é desesperanza a sensación e emoción que quer expresar Florencio Delgado.

A Nave segue a navegar cara á súa Praia, Castelao segue a ser “Guieiro noso”, o porto de chegada “ha de ser , o teu soño, realidade” pois “a Galiza é máis forte que o malfado”. O encabezamento do poema é expresivo do macrotexto de Florencio Delgado: SEMPRE EN GALIZA, libro primeiro, cap. XXXII (ver “Sempre en Galiza”, páx. 133, Edición “As Burgas”, Buenos Aires 1961). Trátase, en definitiva, de conseguir o soño nacionalista, truncado no 1936 polo fascismo, desafortunado na postguerra do exilio, pero que agora da man do pobo “o voto, que cómpre che fagamos, para que , no alén, froreza O TEU SORRIR DE DE BON E XENEROSO”.

Texto: Emilio Vega Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button