CulturaCulturaÚltima hora

Florencio Delgado Gurriarán, protagonista da “Gala do Cinema” que se celebrará este venres no Barco

O actor Xosé Barato presentará o acto que comezará ás 21h. no Teatro Lauro Olmo e contará coa proxección de dúas curtametraxes

O proxecto cultural As Letras de Florencio continúan co seu programa para promocionar a figura do literato valdeorrés. Desta volta será en torno ao cinema, coa celebración dunha gala que terá lugar este venres 11 de xaneiro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Conducido polo actor galego Xosé Barato o acto contará coa presentación da nova edición da Antoloxía Vide, paisaxe, fala (que inclúe os textos gañadores do I Concurso de Poesía Florencio Delgado Gurriarán); a entrega dos premios “O cinema de Florencio”; e a proxección de dúas pezas audiovisuais. SOCIALDOCS presenta O Castiñeiro Morto, un vídeo-homenaxe de Domingo Díaz e Manolo Gómez; e SINTE LOBOS Falando en Corto. Florencio, unha breve historia do poeta valdeorrés, obra de Xavier Castro e Olalla Rodríguez.

A presentación da gala tiña lugar na mañá do 8 de xaneiro diante da Casa da Cultura do Barco, por parte dos alcaldes do Barco Alfredo García, da Rúa Luis Fernández e de Vilamartín Enrique Álvarez; da directora do proxecto Débora Álvarez; e do presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado. Débora explicou que se trata dun acto co que pretenden “pechar as iniciativas que nos quedaran pendentes o ano pasado”, como é o concurso de micro vídeos no que participaron 38 alumnos do Barco, A Rúa e Tomiño e que resolverá no decurso da gala entregando as táblets aos tres galardoados e visionando o vídeo gañador que acompañará á proxección de Domingo. Con respecto á obra do director e produtor petinés, está centrada no primeiro poema de Florencio cun elenco formado por rapaces de Valdeorras ademais dos actores Paco Campos e Lucía Lama.

Na curta de SINTELOBOS recóllense testemuños gravados no decurso das xornadas “Coñece Valdeorras, coñece a Florencio” e aparecen Víctor Freixanes, Lucio Delgado, Camilo Valdehorras, Anxo Rei, Chus, Luis Manuel Gurriarán, Ricardo Gurriarán, Paco Campos e Josefa Álvarez Quiroga.

A gala promete ser divertida, amena e breve, rematando cun viño de Valdeorras.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button