CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Florencio e o exilio mexicano, eixos do “Concerto das Letras” do 16 de maio no Barco

Correrá a cargo do quinteto de vento Zoar, que estará acompañado pola soprano moldava Clara Jelihovschi Panas

O quintento Zoar, coas imaxes da compositora Carme Rodríguez e da soprano Clara Jelihovschi Panas./ Imaxe: Consello da Cultura Galega.

 

O grupo Zoar será o encargado da duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, previsto para o luns 16 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco. Porá o foco na figura do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano.

O programa do concerto inclúe pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado, pero tamén creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay. Todos eles eran amigos que se coñeceron en Madrid e volveron reencontrarse en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música. Complétase tamén con outras pezas que son unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

En cada edición do Concerto das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do CCG. Nesta ocasión, a estrea é “Diásporas”, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). Trátase dunha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario Galicia infinida (“Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” xunto cun extracto de “Galicia infinda”) para ofrecer “unha estrutura musical na que se amosa ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio; unha aventura ética que non deixa atrás do tema da saudade, a sensibilidade e o achegamento á natureza de México que comparaba coa de Galicia” en palabras da compositora. Por primeira vez unha muller encárgase da composición que se estrea no marco desta proposta.

A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o propio día do concerto a partir das 19:00 horas e tamén se poden reservar no teléfono 988 320 053. O Concerto retransmitirase en directo desde o web do Consello da Cultura Galega e a web da CRTVG. Tamén se poderá ver o día 17 na programación especial da segunda canle da Televisión de Galicia.

Os intérpretes

O grupo Zoar é un conxunto de cámara fundado en 2009 que medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un firme compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade, con vontade de achegar a súa actividade a todos os públicos. Neste concerto participan Joan Ibáñez na frauta, frautín e frauta en sol; David Villa no óboe e corno inglés; Antonio Suárez no clarinete e clarinete baixo; Nicolás Gómez na trompa e Álex Salgueiro no fagot e contrafagot.

A soprano elexida nesta ocasión é a moldava Clara Jelihovschi Panas. A directora artística do concerto é Ana Inés Jabares-Pita, o deseño de luces corre a cargo de Octavio Mas Ibáñez e Masako Hattori é a deseñadora do videoarte que se empregará durante o concerto.
Concerto das Letras Galegas

A antesala das Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2010 este concerto institucional que constitúe a antesala festiva do día grande das letras galegas. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago.

A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. En 2021 o concerto celebrouse en Vigo, con Laura LaMontagne&Pico Amperio en homenaxe a Xela Arias.

O concerto pode seguirse en directo na seguinte ligazón

https://www.youtube.com/watch?v=NP5LBy4y89E

Artigos relacionados

Back to top button