EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

“O fogar do porco bravo” do Manolo’s gana o III Concurso de Tapas Micolóxicas de Trives

Neste certame, organizado polo Club Montaña Trives, o segundo posto conseguíao a tapa do Bodegón e o terceiro a do Boliche

Multitude de persoas sumábanse á terceira edición do Concurso de Tapas Micolóxicas, que se desenvolvía do 10 ao 12 de novembro en Trives. Esta singular iniciativa gastronómica formaba parte das XVIII Xornadas Micolóxicas que promove o Club Montaña Trives.

Neste concurso participaban un total de dez establecementos de hostalaría da vila que durante a fin de semana servían, ao prezo de 1,5 euros por tapa, outras tantas propostas diferentes que tiñan como ingrediente principal os cogomelos. Destacaba a variedade e orixinalidade das tapas, que atraían a numerosas persoas. Así o Casanova apostaba polas “albóndegas micolóxicas”, O Bodegón presentaba “Nido de Setas”, o Sky o “Falso Puigdemont na salsa 155”, o Manolo’s “O fogar do porco bravo”, o San Martín “Mar e montaña”, o Paíño “Champiburger”, O Boliche “Fabuliche”, A Cantina do Catro “Empanada cantina de outono”, O Lar da Alicia “Bocado de outono” e o Quintela “Crema de champiñóns con picatostes”.

Os participantes nesta suculenta ruta podían valorar as tapas e emitir o seu voto nunhas fichas que podían recollerse en cada un dos establecementos do concurso. Para ser considerada válida, a papeleta debía ter o selo de catro ou máis locais. Ademais de puntuar para escoller á mellor tapa, esta papeleta, que logo se depositaba nas urnas que había nos bares, daba opción a participar nun sorteo de diversos agasallos que se celebraba ás 17h. do domingo 12 de novembro na praza de Reloxo. Nese mesmo acto facíase público o nome da tapa máis votada que, nesta edición, era a elaborada polo Manolo’s. “O fogar do porco bravo” tiña como ingredientes carne de xabarín, trufa, panceta, mostaza, ovo, pemento, e por suposto, cogomelos.

A segunda tapa mellor valorada era a do Bodegón, o “Nido de setas” cuxos ingredientes eran cogomelos, queixo azul, noces e tartaleta de “hojaldre”. En terceiro lugar quedaba a proposta do Boliche, o “Fabuliche” con polo, chourizo, champiñóns, alubias, fariña, cebola, pemento e caiena.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos sobre as Xornadas Micolóxicas:
https://osil.info/unha-exposicion-broche-das-xviii-xornadas-micoloxicas-club-montana-trives/

Artigos relacionados

Back to top button