ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

Folgoso aproba un crédito extraordinario de 20.000 euros para axudas a autónomos e micropemes afectados pola pandemia

Unha vez o crédito se aprobe de xeito definitivo o Concello dará a coñecer as bases que rexerán as axudas

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro./ Cedida.

 

O Concello de Folgoso do Courel vén de aprobar en pleno o 10 de xuño cos votos a favor do equipo de Goberno (PP) e os do PSOE, (Courel Vivo non asistiu), unha modificación de crédito baixo a modalidade de crédito extraordinario financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería resultante da liquidación do exercicio anterior por importe de 20.000 euros.

“A contía irá destinada a darlle continuidade á liña de subvencións creada para a reactivación da actividade económica no municipio como consecuencia da declaración do estado de alarma. As axudas consistirán fundamentalmente en subvencións para as persoas traballadoras por conta propia a ás pequenas e medianas empresas que se visen afectadas ben por peche temporal da actividade ou pola minoración da súa actividade, cando esta supoña unha caída de máis do 45% dos seus ingresos”, segundo informa o Concello.

Esta liña de subvencións pretende, tal e como explica a alcaldesa, Lola Castro, “reactivar a actividade económica do noso Concello para evitar o peche de empresas e axudalas a que poidan retomar a súa actividade e reabrir os seus negocios”. Tamén, abunda, “para sortear posibles situacións de desemprego no Concello e que as familias vexan reducidos os seus ingresos o menos posible para evitar o despoboamento que se vén producindo nos últimos anos”.

As axudas concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva e rexeranse por unhas bases que o Concello fará públicas en canto a modificación de crédito se aprobe de xeito definitivo. Para iso, o expediente exporase ao público a través da súa publicación no BOP durante quince días.

Artigos relacionados

Back to top button