ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

Folgoso do Courel rexeita a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies protexidas

A súa Corporación municipal aprobaba unha moción de urxencia contra esta normativa no pleno celebrado este sábado, no que tamén pedía "axudas para paliar os danos que cause esta especie"

Casa do Concello de Folgoso do Courel./ Cedida.

 

Na súa última sesión plenaria a Corporación do Concello de Folgoso do Courel vén de rexeita por unanimidade a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies de réxime de protección especial. “O equipo de goberno presentou unha moción de urxencia no pleno ordinario celebrado esta tarde contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial, ao tempo que pediron que o Ministerio habilite axudas para paliar os danos que cause esta especie e se subvencione a adopción de medidas de prevención establecidas no catálogo aprobado polo Ministerio”, informan dende o goberno municipal.

Así, desde o Concello de Folgoso do Courel piden que se inclúa o Concello como zona lobeira á vista dos últimos ataques sufridos, o que demostra que cada vez hai máis exemplares desta especie. A iniciativa foi aprobada por unanimidade.

A Corporación do Concello de Folgoso do Courel celebraba hoxe unha sesión ordinaria no que, entre outros asuntos, se aprobou cos votos a favor de todos os grupos, o calendario laboral de 2022 quedando os festivos da seguinte maneira: día 19 de agosto e día 9 de decembro. Ademais, o grupo de goberno votou a favor da aprobación da conta xeral 2020, que se someteu ao pleno en tempo e forma. Os grupos da oposición abstivéronse.

En relación coa moción de C@urel Vivo sobre a creación dun transporte para a educación secundaria posobrigatoria, o equipo de goberno explicou que “non se trata dunha competencia municipal”, ao tempo que recordou que “está aberto o prazo para que todos e todas os estudantes de ensinanza pos obrigatoria poidan solicitar as axudas ao transporte que puxo en marcha o Goberno local, contías que se suman a outras de outras administracións, como a Xunta de Galicia ou o Estado, creadas coa mesma fin”.

Desde o Concello comprometéronse a estudar o aumento da partida municipal que se destina a estas axudas para poder chegar a todos os estudantes que se atopen fóra, con independencia de onde residan. A rexedora, Lola Castro, recordou ademais que Folgoso do Courel foi o único Concello da provincia que asumiu o pagamento do transporte para acudir á vacinación Covid a quen lle fixo falla.

Tampouco saíu adiante a moción de C@urel Vivo sobre a celebración das sesións plenarias. O equipo de Goberno recorda que “se trata dun acordo do pleno de organización do ano 2019”.

Artigos relacionados

Back to top button