En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Foliada e baile como broche dos VII Cantos de Taberna en Trives

Media ducia de grupos, boa parte deles da zona, sumábanse a esta iniciativa festiva organizada pola Caniceira e que percorría doce bares da vila

A partires da medianoite a praza do Reloxo de Trives íase enchendo de moita música, cor e bailes. Ata alí ían chegando os grupos participantes na exitosa sétima edición dos Cantos de Taberna, que organiza nesta vila a Asociación Cultural A Caniceira.

En total eran seis as agrupacións desta edición, a meirande parte delas da zona. Tratábase de As Macizas Centrais (Trives), Sómosche d’Herbas, Manzaneda Banda, San Nordés (Trives) e Ponte Louco (Castro Caldelas). A súa ruta polos doce bares de Trives participantes nesta ocasión iniciábase ás oito e media da tarde. Despois volvían a reunirse na praza do Reloxo, onde tocaban algunhas pezas xuntos e outras por separado, mentres o público se sumaba á festa bailando.

Xa ao redor das 12:30h. da noite tiña lugar a entrega de diplomas aos grupos en agradecemento pola súa participación. Houbo tamén unha mención ao Periódico O Sil pola cobertura desta iniciativa cultural e festiva. Logo, seguía a festa na praza.

Estes cantos de taberna abrían ademais a IX Mostra de Patrimonio Inmaterial de Trives, promovida asemade pola A.C. A Caniceira, e que desenvolverá nesta fin de semana do 12 e 13 de agosto un completo programa de actos, entre os que figura o Entroido de Verán.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos:
https://osil.info/os-vii-cantos-de-taberna-de-taberna-de-trives-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button