CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Folk escocés e Magín Blanco, no menú musical do Terrasón do Barco

O programa incluirá oito concertos entre o 5 de agosto e 4 de setembro en diferentes puntos da vila

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do programa.

 

Mestura de estilos moi diferentes e artistas internacionais, valdeorreses e bercianos para desfrutar das noites deste verán no Barco. Así será a terceira edición do Terrasón, unha singular iniciativa que o Concello barquense poñía en marcha no 2020, en plena pandemia como unha forma de recuperar a actividade cultural e, cuxa boa acollida, a ten asentado xa no programa estival da vila.

 

 

Así o destacaba esta mañá a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta na presentación das propostas desta terceira edición, con 8 concertos que desenvolverá do 5 de agosto ao 4 de setembro, e que conta por vez primeira co apoio do programa Xacobeo 21-22. “As actuacións serán no entorno de terrazas de establecementos de hostalaría, se ben tamén se habilitará unha zona para aquelas persoas que queiran asistir sen sentarse nunha terraza. Ademais están programadas en fins de semana, agás no caso da que coincide coas festas de San Roque”, explicaba Margarida Pizcueta.

 

 

Así o programa incluirá folk, ademais na apertura do ciclo, da man de dúas bandas escocesas que lle porán o acento internacional a esta edición. Non faltará unha representación de artistas valdeorreses da man de Rober & Piru, que fan versións, e co rues Magín Blanco, que presentará o seu novo proxecto, “O camiño da luz”, “co que volve ás súas orixes en La Rosa, despois de moitos anos facendo música para nenos, agora retoma a música para adultos”, matizaba Pizcueta. E dentro do Terrasón haberá tamén espazo para o soul con Alber Solo & The Fire Bird Blues.

A primeira cita será xa o venres 5 de agosto ás 22:30h. na praza Maior do Barco con Xógara & Owl Light Trío.

Fotos: A.R.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button