ConcellosÚltima hora

Fontei (A Rúa) queda este ano sen as procesións na honra á Virxe de Fátima

As portas da igrexa parroquial abriranse de novo ao público o 17 de maio, se todo vai segundo o previsto

Procesión da despedida de Fátima na igrexa de Fontei o ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A pandemia do coronavirus está deixando polo camiño moitas vidas, moitos soños e tamén moitas tradicións, polo menos no que respecta a este ano 2020.

Trátase dunha crise sanitaria que está afectando a todos os sectores e niveis e o relixioso non é unha excepción, con case dous meses sen cultos nos templos. Unha restricción que tamén afectará á festa na honra a Nosa Señora de Fátima na parroquia de Fontei (A Rúa), con centos de fegreses que se congregaban cada mes de maio en torno á Novena e sobre todo ás dúas procesións que centran a celebración e que este ano non se celebrarán.

A primeira, nocturna e chamada “das antorchas”, tíñase que celebrar onte, 8 de maio, cos devotos acompañando a imaxe da santa polas rúas da vila ruesa con candeas na man. A segunda, a “da despedida”, é a principal o día propio da festa, o 13 de maio, cos devotos despedindo a Fátima cos panos brancos na man e bágoas nos ollos.

 

Imaxe de Nosa Señora de Fátima. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta celebración de maio nesta parroquia da Rúa é única e exclusivamente relixiosa e está organizada pola Confraría da Virxe, Parroquia do T. C. de Nosa Señora do Rosario de Fontei. E precisamente dende o confraría explican que aínda que estivera permitido celebrar as procesións, hai certo medo aos rebrotes. “Hai que ter en conta que os participantes nos cultos nun 90% son persoas de risco e nas procesións é imposible cumprir coas distancias reglamentarias”, di Enrique Rodríguez Sotelo.

El mesmo adianta que, están celebrando a novena a porta pechada é o día 13 haberá unha misa na honra a Fátima tamén a porta pechada, e se todo vai segundo o previsto, a igrexa de Fontei abrirá de novo as portas ao público o vindeiro 17 de maio (ás 11:30 e ás 20:30h.) “pero sempre respectando as medidas estipuladas (a xente ten que ir con guantes e mascarilla), co aforo permitido e deixando as portas abertas”, di, explicando que haberá varias persoas que se encargarán de distribuír aos fegreses polos bancos para que manteñan a distancia de seguridade.

Artigos relacionados

Back to top button