A RúaConcellosÚltima hora

Fontei (A Rúa) rende culto á Virxe de Fátima

Na mañá deste xoves 13 de maio, celebrábanse tres misas na igrexa parroquial

 

Malia a situación sanitaria que impide a celebración de procesións e outros actos multitudinarios, a parroquia de Fontei, na Rúa, vive hoxe un día moi especial.

Despois da novena, que comezaba o día 4, na mañá deste xoves 13 de maio celebrábase a festividade da Virxe de Fátima con tres misas no interior do templo. A primeira, de comunión xeral tiña lugar ás nove da mañá; a segunda, a dos enfermos (bendición do Santísimo Sacramento) celebrábase ás 10:30h; e xa a partir das 13 horas tiña lugar a misa solemne á que non faltaron membros da corporación municipal e numerosos devotos da Virxe (mantendo a redución de aforo coa distancia de seguridade pertinente).

 

Imaxe da Virxe de Fátima na igrexa parroquial de Fontei (A Rúa).

 

Aínda que sen as tradicionais procesións (das Antorchas e da Despedida), a devoción que a veciñanza da Rúa ten pola Virxe de Fátima quedaba patente unha vez máis. Nesta ocasión, o predicador foi D. Ricardo Fuertes Vega acompañado polo párroco de Fontei, D. Lisardo Paradelo. O programa relixioso deste ano rematará mañá, venres 14 de maio, coa misa polos confrades difuntos prevista para as 20:30 horas.

A tradición da Virxe de Fátima na Rúa remóntase ao ano 1947 vencellada á figura de Enriqueta Casanova, habitante da Casa Grande de Fontei. Tras viaxar co cura belga Doski a Cova Iria, recibiu unha visita do mesmo párroco no ano 1948, cunha imaxe da Virxe, realizada polo mesmo escultor que a talla de Cova Iria, José Ferreira. A imaxe chegou por primeira vez a Valdeorras o 10 de maio de 1948 e dende entón a Virxe converteuse na figura relixiosa central de Fontei, dando incluso nome á igrexa, construída en 1903.

Fotos: Enrique Rodríguez Sotelo.

Artigos relacionados

Back to top button