EconomíaEconomíaÚltima hora

Formación sobre iniciación e mellora da gandería de vacún de carne na Veiga

Ten previsto desenvolverse dende o vindeiro luns día 20 de setembro ata o venres 24 no Centro de Desenvolvemento Rural da localidade

Publicidade
Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne na Veiga. Organizada polo departamento de Investigación e Transferencia da Agacal, a acción formativa ten previsto desenvolverse dende o vindeiro luns día 20 de setembro ata o venres 24 no Centro de Desenvolvemento Rural da localidade.

A iniciativa, que se impartirá en horario de mañá, constará de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas co obxectivo de incrementar o nivel de profesionalización do sector de vacún de carne galego. En concreto, na parte teórica analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros. Mentres, a parte práctica consistirá nunha visita a unha explotación para aplicar os coñecementos previamente adquiridos.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso da Veiga e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 981546689.

Artigos relacionados

Back to top button