EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Formalizada a adquisición de Cupa Group por parte de Brookfield Asset Management

 

A adquisición de Cupa Group por parte do fondo de investimento Brookfield Asset Management xa é oficial. “A operación foi formalizada tras a aprobación pertinente das autoridades regulatorias e a finalización de todos os procedementos administrativos. O acordo alcanzado en xaneiro materializouse onte martes 31 de maio e as empresas que forman parte de Cupa Group son xa parte do fondo de investimento canadense, cuxa participación se sitúa no 85% do capital da compañía. O 15% restante estará en mans do equipo directivo, que continuará liderado polo seu conselleiro delegado, Javier Fernández, quen reinvestiu a súa participación demostrando o seu compromiso e confianza no futuro do grupo”, tal e como vén de informar a compañía.

A operación, engade, “supón un novo empuxe na estratexia de crecemento da empresa, que lle permite seguir investindo no desenvolvemento das súas liñas de negocio. Grazas á aposta realizada por Brookfield, a compañía conta co respaldo necesario para mellorar a eficiencia e a seguridade dos seus procesos, desenvolver novos produtos sostibles con materiais naturais e continuar xerando emprego”.

Coa unión de Brookfield, Cupa Group espera acelerar a transformación industrial e tecnolóxica dos seus procesos, “poñendo a sustentabilidade e a seguridade no centro das súas operacións”, din. O seu conselleiro delegado, Javier Fernández, valora a operación como “a materialización dun traballo ben feito durante o últimos seis anos, no que demostramos o enorme potencial das nosas áreas de negocio en todo o mundo e que Brookfield soubo recoñecer”.

Fernández agradece a confianza que Brookfield deposita no grupo que dirixe. “Valoramos moito a súa enorme experiencia internacional e consideramos que nos vai a achegar a estabilidade necesaria para desenvolver a nosa estratexia a longo prazo e facer realidade as grandes oportunidades que temos para seguir crecendo”. “Estamos ansiosos por comezar esta nova etapa ao seu lado”, subliñou.

 

 

“Seis anos de crecemento e expansión internacional”

En palabras de Javier Fernández, “a etapa de Carlyle foi moi positiva para a compañía xa que, desde a súa entrada no capital en 2016, Cupa Group duplicou as súas vendas e case triplicou o ebitda. Ademais, completamos a adquisición de varias empresas de lousa, sumamos unha trintena de centros de distribución e incorporamos ao noso equipo a máis de 300 persoas en todo o mundo”. “Queremos agradecer a Carlyle a súa axuda e confianza durante estes anos”, engade.

Esta fase de crecemento da compañía, que conta cun persoal de máis de 2.400 empregados, queda avalada polos seus resultados no exercicio de 2021, no que alcanzaron unha cifra récord de facturación de máis de 400 millóns de euros e un ebitda de 95 millóns. Agora, con esta operación, Cupa Group une a súa experiencia á de Brookfield Asset Management
nota de prensa

Sobre Cupa Group

Cupa Group é unha multinacional formada por 69 empresas que ten sociedades filiais en 9 países, 25 canteiras e exporta a máis de 70 países dos cinco continentes, empregando a máis de 2.400 persoas. As tres principais liñas de negocio do grupo son Cupa Lousas, o líder mundial en lousa natural, Burton Roofing, o segundo maior distribuidor de materiais para cubertas do Reino Unido, e Cupa Stone, os expertos en pedra natural.

En 1892 inaugúrase a súa primeira canteira, Solaina de Forcadas, en San Pedro de Trones (León). Hoxe, froito do acordo en 1968 de cinco empresarios que soñaban con vender a súa produción en todo o mundo, Cupa Group é un conxunto de empresas que operan en distintos sectores.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button