PolíticaÚltima hora

Formoso empraza ao municipalismo como “plataforma para impulsar a Xunta no 2024”

O líder dos socialistas galegos participaba hoxe nunha convención municipal dos socialistas ourensáns que se celebrou en O Carballiño, no que participaron os principais referentes municipais do partido na provincia

 

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelaba hoxe na provincia de Ourense ao músculo municipal socialista, con 110 gobernos e o 62 por cento da poboación, como argumento para “alcanzar a Xunta en 2024”. Así o dixo nunha convención municipal dos socialistas ourensáns que se celebrou no Carballiño, no que participaron os principais referentes municipais do partido na provincia.

Formoso defendeu o proxecto socialista que defende “unha Galicia nova, máis ilusionada”, e apuntou ao “traballo que temos por diante” para “escoitar aos sectores que requiren de ilusión e de confianza”. Apuntou ao traballo do PSdeG, “con humildade, con moito compromiso e moito percorrer o país” para conformar unha alternativa de goberno.

Así o dixo logo de apelar ao respaldo crecente dos socialistas galegos que vén de reflexar a enquisa de Sondaxe coñecida hoxe “na que se estanca o nacionalismo, baixa o PP, e a única forza que medra é o PSdeG”.

O líder dos socialistas galegos aludía á forza municipal do PSdeG, que goberna 5 das 7 grandes cidades, ademais das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e que evidencia que “somos a plataforma na que a cidadanía deposita a confianza na parte institucional que máis lle preocupa e afecta no seu quefacer diario”, como son os gobernos municipais.

O responsable socialista chamou a “devolverlle a dignidade con compromiso e ilusión” a Ourense, co obxectivo de “mandar ao caixón da historia ao baltarismo, a Jácome e a todo aquelo que fai sentir vergoña a esta marabillosa provincia e ás súas vilas”. Sinalou que “hoxe o PSdeG vén a lanzar unha mensaxe de optimismo e de futuro a unha terra que toda Galicia quere e admira como é Ourense”.

Así o dixo antes do acto de O Carballiño, que contou coa presenza do presidente da Femp, Abel Caballero, da Fegamp, Alberto Varela, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e o alcalde da localidade, Francisco Fumega.

Rafael R. Villarino: “Xa está aquí o futuro”

O secretario provincial do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, resumiu a mensaxe dos alcaldes socialistas de Ourense: “xa está aquí o futuro”. Engadiu que “por fin esta provincia vai deixar de conformar o reduto do clientelismo e da dereita en Galicia para ser un lugar de progreso onde poidamos desfrutar da alternativa que tanto necesitamos”.

O anfitrión do acto foi precisamente o alcalde do Carballiño Francisco Fumega, quen agradeceu a presenza dos referentes socialistas para “perfilar e reunir experiencias de cada alcalde” co obxectivo de “apoiar dende o poder municipal ao noso secretario xeral no camiño á Xunta de Galicia”. Lembrou o perfil de Formoso como alcalde de As Pontes como aval para liderar unha alternativa política “que cre na Galicia do futuro”.

Artigos relacionados

Back to top button