ConcellosGalerías de fotos

Francisco Conde: “A actividade de Cedie demostra que tamén desde o rural se poden construír novos proxectos”

O conselleiro de Economía vén de visitar as instalacións desta empresa situada no Barco

 

Na mañá deste martes 26 de novembro o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitaba as instalacións da Compañía Española de Industrias Electroquímicas (Cedie) no Barco de Valdeorras, onde destacaba que esta empresa é un exemplo de cal é o camiño que debe seguir Galicia para gañar en competitividade a través dunha “aposta clara pola diversificación, a internacionalización e a innovación”. Nesta visita, na que estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García, tamén coñecía os proxectos de Xagoaza Inversiones SL da man de Honorato López Isla.

“Queremos impulsar novas actividades na zona que teñen que estar baseadas en coñecementos de determinadas persoas, que sexan de tipo innovador de desenvolvemento dalgúns negocios e, a partir de aí, formar sociedades que desenvolvan eses negocios. Ten que aparecer a persoa que teña a idea e logo nós con Cedie e co grupo de sociedades, apoiaríamolo dende un punto de vista empresarial e financeiro”, indicaba López Isla.

 

 

Cedie leva máis de 70 anos implantada no Barco de Valdeorras, actualmente dá traballo a 40 persoas e desenvolve produtos de alto valor engadido. Conde subliñou a implicación desta empresa e tamén de Xagoaza Inversiones en tres novos proxectos que aproveitan materias primas autóctonas para xerar novas oportunidades como a primeira planta industrial de resina de piñeiro; a empresa Clean Technology de limpeza crioxénica con xeo seco; ou o desenvolvemento de láminas de lousa flexible: “Proxectos a futuro que axudan a traballar na creación de emprego e desenvolvemento da comarca facendo atractivo o rural”, subliñou

O conselleiro resaltaba que “a actividade de Cedie demostra que tamén desde o rural se poden construír novos proxectos, desenvolver iniciativas industriais e que nesta nova economía o talento marque a diferencia”. Tamén defendeu a necesidade de que o coñecemento sexa apoiado, como neste caso, pola iniciativa empresarial e conte coa axuda das administracións.

Conde puxo en valor o voto de confianza de manter este proxecto en Galicia, e que vén demostrar que a Comunidade ten os recursos necesarios para xerar actividade industrial e captar novas iniciativas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/o-barco-proxecta-musealizar-a-antiga-zona-industrial-de-cedie/

Artigos relacionados

Back to top button