En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Francisco Contreras, novo xerente do Hospital Comarcal Valdeorras

Acompañado polo conselleiro de Sanidade, presentábase ante o persoal deste centro na mañá do 23 de agosto

Novo rostro á fronte da xerencia executiva do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV). Francisco Contreras San Feliciano vén de asumir este cargo e presentábase na mañá do 23 de agosto ante o persoal deste centro hospitalario e tamén ante os sindicatos.

No acto estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia de Ourense, María Sol Díaz Mouteira, e polo xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Julio García Comesaña.

O novo xerente é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Salamanca, e conta con formación sobre sistemas de clasificación de pacientes baseados en GRD, innovacións en xestión hospitalaria, e tamén de dereito sanitario, entre outros cursos

Na actualidade, e dende xuño de 2017, traballaba na Unidade de Codificación Clínica do Hospital El Bierzo en Ponferrada, centro onde anteriormente foi responsable de Xestión de Lista de Espera Cirúrxica e Programación Cirúrxica. Francisco Contreras iniciou a súa carreira profesional como xefe de servizo de Atención ao Paciente no Hospital Camiño de Santiago de Ponferrada e, posteriormente, ocupou a praza de xefe de unidade de Admisión e Documentación Clínica do mesmo hospital.

Segundo se indica dende a Consellería de Sanidade, “este nomeamento enmárcanse no proceso de renovación que o Sergas está a levar a cabo nalgunhas das súas Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs) coa fin de adaptalas aos novos retos que a sanidade pública galega ten por diante nos próximos anos. A normativa da Lei de Saúde reforza especialmente o papel dos hospitais comarcais e a rede de centros de Atención Primaria, garantindo a súa sostenibilidade e crecemento futuro, coa potenciación de servizos e especialidades”.

Fotos: Carlos G. Hervella (as dúas primeiras) e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button