PolíticaSen categorizarÚltima hora

Francisco Fraga, do grupo provincial Socialista: “suprimir a venda de billetes implica perder poboación no rural”

Os socialistas provinciais ven con preocupación a demografía de Ourense e instan a Baltar a que “baixe aos pobos e salga dos despachos”
Elvira Lama, Felipe Fraga e Susana Rodríguez. 

O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense convocou aos medios nun almorzo informativo para falar dos seus obxectivos de traballo nesta tempada. O voceiro do grupo provincial Socialista, Francisco Fraga, estivo acompañado pola vicevoceira primeira, Elvira Lama e a vicevoceira segunda, Susana Rodríguez. Os socialistas provinciais aseguraron ter as pilas cargadas nesta “nova etapa” e segundo o voceiro, Francisco Fraga, “imos poñer a situación da provincial enriba da mesa”. Neste senso Fraga apelou á perda de poboación de Ourense, “unha situación demográfica moi grave a cal tiña que ser o principal punto da axenda do presidente do goberno provincial”. Creando, din, políticas de emprego.

Sen saír da materia, Fraga dixo que unha das causas da baixa poboación é de servizos que están a ter as vilas, “estamos vendo que cada vez están pechándose máis servizos no rural, como a venda de billetes nas estacións. Vilas importantes da provincia como O Barco, A Rúa, Ribadavia ou Carballiño xa non teñen ese servizo, e iso é perder poboación no rural”, asegurou. Tamén outro dos problemas que queren pór enriba da mesa os Socialistas ourensáns é a “situación que se viviu esta fin de semana cos cortes de luz na zona rural”. Francisco Fraga dixo o seguinte ao respecto: “Eu non lembro que sucedese un corte de luz tan largo coma o desta fin de semana, a xente estivo a piques de perder a matanza, as granxas non tiñan luz para poderes muxir as vacas, iso preocúpanos, as emerxencias que non atenden como foi debido pola falta de recursos”.

Pola súa banda, Elvira Lama, fixo unha reivindicación directa ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, dicíndolle que “ten que baixar aos pobos da provincia, saír dos despachos e deixar de facer fotografías cos alcaldes no Pazo Provincial”. A vicevoceira asegurou que o que ten que facer a Deputación é recuperar de novo aos Concellos e eliminar esa visión de que Ourense é só a cidade. En canto á demografía, Lama foi clara: “estamos vendo como cada setembro se pechan escolas no rural e a demanda de centros de día e residencias para persoas maiores vai en aumento”.

Tamén falaron do recurso de apelación presentado o pasado venres contra a decisións do titular do xulgado de instrución número 2 de Ourense de sobreser e arquivar provisionalmente o “caso das depuradoras”, que salpica de cheo á Deputación, xa que a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) da Unión Europea e o Ministerio de Facenda viron cheo de “presuntas irregularidades” na contratación e noutros aspectos. Asemade, tamén reclamarán que a Deputación Provincial se sume á iniciativa Pro-CAPD para solicitar “o centro que Ourense se merece”.

En conclusión, dende o grupo provincial do PSdeG-PSOE aseguraron que seguirán a facer “unha oposición sana e digna” e que sempre terán espazo para o diálogo e os acordos fronte á maioría absoluta do Partido Popular no Pazo Provincial. Reiteran que haberá momentos nos que chegarán a acordos “como foi no tema do amianto nos alpendres do rural”, e noutras ocasións farán “críticas de oposición a aqueles aspectos que consideremos que non son beneficiosos para a provincia”, concluíu o voceiro Francisco Fraga, que non quixo falar de se a crise interna do partido estaba pechada cando foi preguntado polo relevo de Ignacio Gómez como voceiro provincial: “dos problemas internos hai que falar internamente, nós estamos aquí para traballar e faríamos un fraco favor á xente que nos votou para estar aquí traballando que falemos do noso e non do que queren eles”, dixo.

Almorzo informativo no que se trataron todos os temas.

Artigos relacionados

Back to top button