PolíticaÚltima hora

Francisco Fraga: “Necesitamos un plan de emprego real para a provincia de Ourense”

Este concelleiro de Piñor lidera a lista ourensá de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes, unha nova coalición que aposta por "facer política dende a cercanía"

Francisco Fraga, edil en Piñor, encabeza a lista da coalición Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes pola provincia de Ourense ás eleccións galegas./Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Constituímos para facer política dende a cercanía, dende a xente que coñece os problemas, e esa cercanía fai que as políticas sexan diferentes”, asegura Francisco Fraga, cabeza de lista de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes, cando se lle pregunta pola razón de ser desta coalición que, concorre, por vez primeira a unhas eleccións galegas.

Sen embargo, Fraga non é un recén chegado á política. Ten experiencia no ámbito municipal, xa que foi alcalde de Piñor durante doce anos, e tamén no provincial como deputado. Agora estréase nuns comicios galegos con moita ilusión e o desexo de cambiar as cousas para a provincia de Ourense. Tras máis dunha semana de campaña, centrada principalmente nas comarcas da provincia, entre elas Valdeorras e as terras de Viana, destaca a boa receptividade do seu proxecto político entre a cidadanía.

– ¿Que supón encabezar a lista dunha formación política nova nunhas eleccións autonómicas?

Isto ten inconvintes, pero tamén vantaxes. Entre os inconvintes está o feito de que dispoñemos de menos recursos, á diferenza dos partidos grandes que se gastan unha cantidade enorme de diñeiro nas campañas, empezando polo envío por correo. Nós non dispoñemos de moitos medios, o que facemos pagámolo nós, pero deste xeito un tamén descubre que tampouco é necesario gastar tanto como os partidos grandes. Outro inconvinte é darse a coñecer, o acceso aos medios de comunicación, sobre todo, aos públicos, máis pensados para os grandes partidos. Os partidos pequenos e os novos apenas teñen tempo neles, co cal, ese pluralismo político do que se fala e que está recollido na Constitución, á hora da verdade non é tal, porque algúns teñen posibilidade de dar a coñecer á poboación as súas propostas e outros non.

No outro prato da balanza están as vantaxes. E unha fundamental é a liberdade de non depender da estrutura dun partido grande, que practicamente che indica o que tes que dicir, o que tes que facer. Ademais, nós somos unha forza nova sen atadura ningunha nin en Madrid nin en Santiago, é dicir, o noso compromiso nestas eleccións está coa realidade da provincia de Ourense. E logo está a ilusión, a cercanía coa que tratas coa xente, é algo que nos gusta: escoitar, palpar a realidade e os problemas que hai, que non son poucos.

¿Por que dan o paso e deciden presentarse a estas eleccións galegas?

Somos un grupo de xente que, maioritariamente, viñamos do PSOE, nun contexto de continuas loitas internas e no que é moi complicado facer política. Espazo Común nace para ofrecer un espazo no que os cidadáns poidan facer política con total liberdade, e sen estar pendentes de cuestións orgánicas dos partidos. E decidimos concurrir a estas eleccións autonómicas porque vivimos en Ourense e preocúpanos a situación na que se atopa a provincia. Vemos que o rural e mesmo a cidade perden poboación, a xente nova marcha, cada vez somos máis maiores, perdemos máis servizos, estamos máis desatendidos…

Se a cidadanía desta provincia nos dá posibilidades de ser decisivos, dende logo imos falar do que Ourense necesita. O PP, o PSOE e incluso o BNG, cando teñen que reclamar en Madrid e en Santiago para esta provincia fanno de boquilla, porque despois nas estruturas dos seus partidos pesan moito máis as provincias atlánticas, Coruña e Pontevedra, co cal á hora de repartir en Ourense quedamos coas migallas. Se realmente queremos reequilibrar e concederlle oportunidades ao rural, haberá que darlle unha vantaxe competitiva, senón é moi difícil asentar poboación.

Nós non temos máis ataduras que o futuro desta provincia, porque é o noso, é onde nacemos, onde vivimos e onde queremos seguir vivindo. Por iso, sendo un partido político novo, pequeno, presentámonos a estas eleccións autonómicas para que “Ourense decida”, o noso lema. Se temos unha forza que sexa decisiva e precisan de nós, entón as cousas van cambiar.

 

 

– ¿Cales son as principais propostas do seu programa?

Primeiro, Ourense ten que ter vida, ter servizos. Con isto refírome á asistencia sanitaria, hai que mudar a atención primaria dunha vez, é dicir, se o paciente non pode ir, terá que ir o médico, e hai que reforzar ese servizo para descolapsar as urxencias e a asistencia hospitalaria. E despois hai que apostar por un modelo sanitario non só asistencial, tamén preventivo, e estase vendo agora con esta pandemia. Ademais do servizo sanitario, está o sociosanitario. Quizais o modelo de residencias de maiores non sexa o máis acertado e, sobre todo, de atención aos pacientes, é dicir, quen ten que garantir a asistencia sanitaria das persoas maiores, estean onde estean, é o seu servizo sanitario, o médico de atención primaria e ¿cantos hai? Para nós iso é fundamental.

Despois, necesitamos un plan de emprego real para esta provincia. Temos numerosos recursos, pero, ¿están realmente desenvolvidos como deberían? Non. Valdeorras ten unha paisaxe espectacular, diferente ao resto de Galicia, e xa me gustaría que vinculados a eses viños, a esas adegas, houbese unhas rutas do viño potentes, como teñen noutros lados, unindo paisaxe, produción e turismo. Para moita xente é unha zona descoñecida, e iso xera emprego. Por non falar do monte, que está completamente abandonado, cando sempre xerou riqueza. Entón, cómpre desenvolver o noso, pero sobre todo, darlle valor engadido e transformar aquí, porque iso xera postos de traballo, e sen traballo é imposible asentar poboación.

E cómpre vivenda, compren infraestruturas, falamos da A-76, pero é que vai haber outro eixo fundamental aí que é a estrada entre A Rúa e A Gudiña, cara a estación do AVE, necesítase unha estrada en condicións; cómpre que o corredor atlántico de mercadorías, que custou moito pelexar por el, non se quede sobre o papel. E no tema de servizos e das conexións é imprescindible a comunicación a través das ferramentas tecnolóxicas.

– ¿Cal é o perfil das persoas que configuran a candidatura de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes pola provincia de Ourense?

Un elemento definitorio da nosa lista é que somos concelleiros ou temos responsabilidades políticas en varios concellos da provincia. Queremos xente con coñecemento e capacidade contrastada, que se curta na escola principal da política, que é a vida municipal, pola cercanía que tes cos problemas e cos veciños. Esa cercanía fai que as políticas sexan diferentes, máis próximas e que se actúe con maior responsabilidade, porque os veciños vanche esixir contas e chamar a atención. Ese foi o criterio que seguimos para elaborar a nosa lista.

– ¿Como está resultando esta campaña, que acollida está tendo o partido?

As campañas son cansas, pero a min gústanme, gústame moito escoitar á xente, darlle pé a que fale, a que se explique, gústame moito ese tipo de política e esa cercanía. E se teño que definila diría que é moi positiva e gratificante.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button