PolíticaÚltima hora

Francisco García, candidato do BNG ao Congreso por Ourense: “Hai ventos de cambios na provincia, hai que aproveitar esta segunda oportunidade”

Xunto á deputada Noa Presas e o tamén candidato ao Senado, Roberto Quiroga, participaba nun acto público no Barco

 

Nas eleccións do vindeiro 10 de novembro “hai que loitar contra o cansazo e a desafección que leva a falta de ganas para ir a votar” xa que estes comicios constitúen “unha segunda oportunidade” para que en Madrid “haxa unha forza política galega sen complexos, sen ataduras e sen deber favores a ninguén, como o BNG”. Así o destacaban os seus representantes e candidatos ao Congreso e ao Senado no acto público celebrado na tarde do 4 de novembro no multiusos do Barco.

Abría o turno de intervención o concelleiro barquense do BNG, Suso Vilasánchez, resaltando que “se  BNG non está en Madrid, Galiza fica desaparecida, na irrelevancia”. E comparaba a realidade de Euscadi, “un territorio que cabe na provincia de Ourense”, coa da comunidade galega. “Nós temos 23 deputados en Madrid, eles mandan 18 deputados e a voz de Euscadi pesa moito máis. Os nosos deputados son nados en Galicia, pero non exercen como galegos”, indicaba.

Vilasánchez ía moito máis alá e facía, en clave didáctica e non exenta de humor, unha analoxía entre a situación dos grandes partidos políticos nestas eleccións e a do BNG, como forza minoritaria, e a batalla das Termópilas no 480 antes de Cristo, na que as polis gregas de Atenas e Esparta uníanse para loitar contra o enorme exército do imperio persa de Xerxes I. “Necesitamos xente que vaia batallar polo seu país, que teña a cabeza e o peto en Galiza e que non teña intereses espurios. Nós queremos mandar a xente como Roberto Quiroga  e Francisco Rodríguez”, concluía antes de deixar paso ao primeiro destes candidatos.

O valdeorrés Roberto Quiroga, que vai lista do BNG ao Senado por Ourense, resaltaba a importancia “de ter candidatos que representen á nosa comarca, ao noso país e que son galegos como nós e que ademais se senten galegos”. Nese senso, loubaba o traballo de Noa Presas no Parlamento galego, “sobre todo na defensa dos intereses de Valdeorras en temas como a sanidade pública, o transporte público, o ferrocarril, a base de helicópteros contraincendios, a N-120, a deslocalización de Iberdrola, os emigrantes retornados… E ese papel que desempeña Noa en Santiago vaino facer tamén Francisco García en Madrid porque, se o BNG non está en Madrid, non se fala de Galicia”.

A continuación, tomaba a palabra a deputada galega do BNG por Ourense Noa Presas, que lembraba a inminencia do mediático debate previsto a partires das dez desta noite. “Apóstovos a que nel non se vai falar de Valdeorras, nin da N-120, nin dos problemas da sanidade galega, nin dos concellos galegos, nin do prezo da luz, nin de Ourense, nin de Galiza. E iso é así porque nos falta peso político no Estado porque valen máis os deputados de Euscadi que os de Galicia”.

Lembraba tamén que “en catro anos tivemos catro convocatorias electorais porque alguén non fixo o seu traballo, non foron capaces de falar nin de negociar”. E ante isto “temos que combater esa sensación de desafección e facer algo distinto o próximo 10 de novembro, con alguén como Paco García no Congreso será todo moito mellor. Temos que dar a sorpresa en Ourense”.

 

De esquerda a dereita: Nos Presas, Francisco García, Roberto Quiroga e Suso Vilasánchez.

 

Finalmente, interviña o cabeza de lista pola provincia ao Congreso, Francisco García, ex alcalde de Allariz, quen poñía en valor a Galicia. “Estamos fartos de escoitar que o noso país é pobre, que non ten recursos nin capacidade fronte, por exemplo, ao País Vasco, coas vantaxes dun goberno que o defende”, dicía. E, a partir de aí, referíase aos “expolios aos que ten sido sometida Galicia en moitos ámbitos por parte do Estado” destacando tres en particular: o “expolio financeiro”, o “expolio fiscal” e o “expolio enerxético”.

“En Galicia tiñamos unha rede pública financeira, cunha estrutura de caixas que desapareceu, sen embargo en Cataluña e en Euscadi seguen existindo esas caixas con aforro propio que serve para xerar condicións de vida e riqueza para financiar ao noso país”, explicaba. No referente ao “expolio fiscal”, García sinalaba que “a nosa sociedade sofre un déficit crónico que o Consello de Contas pon de manifesto. Hai máis de 4.000 millóns que pagamos os galegos e que o Estado se queda con eles. Ademais os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que os doutros lugares do Estado”.

E, finalmente, citaba un “expolio enerxético”, tendo en conta que “Galiza produce o 10% de toda a enerxía do Estado, e só consumimos o 40% da produción. O 60% da nosa enerxía lévase a outros territorios e o máis sangrante é que na nosa tarifa eléctrica un dos custos económicos máis importantes é o do transporte e nós pagámolo igual”, destacaba García. “Esta é unha situación que debemos coñecer para cambiar ese sambenito de que somos pobres, esta realidade é polas políticas, que hai que cambiar. Hai que ter autoestima e crer nas nosas potencialidades e iso é o que fixemos en Allariz”.

O candidato nacionalista por Ourense ao Congres amosábase optimista é aseguraba que “hai ventos de cambio na provincia que nos permiten intentar facer este esforzo para que o cabreo se convirta nun cabreo construtivo para contar cunha forza como o BNG”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button